DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde maña e ata o domingo en Melilla enfrontaranse 15 equipos 

A Asociación de Debate Retórica da UVigo participa na final da Liga Española de Debate Universitario 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 26/09/2024

A Asociación de Debate Universitario Retórica da Universidade de Vigo medirase desde mañá e ata o domingo cos 15 mellores equipos de debate do Estado na final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU). Tras acadar o pase para a final o pasado mes de marzo no II Torneo Nacional de Debate Indalo, o equipo vigués deberá, como resto de participantes, enfrontarse na final da Liga, que se disputa en Melilla, á cuestión: É conveniente o decrecemento para solucionar os problemas medioambientais e as desigualdades sociais?

Alcalá, que é a vixente campioa da LEDU, Carlos III (2 equipos), Esade, Granada, Illes Balears (2 equipos), Instituto de Estudios Bursátiles (IEB), Instituto Superior de Derecho y Economía (ISDE), Xaén, País Vasco (2 equipos), Pompeu Fabra, Pontificia Comillas e Salamanca son as universidades que xunto a Vigo participarán na competición, que botou a andar no ano 2000. 

Galardóns e programa

O equipo gañador, xunto ao trofeo acreditativo, recibirá un cheque de 6000 euros, mentres que o subcampión obterá 3000 euros e un trofeo. Pola súa banda, o mellor orador ou oradora que deberá discutir sobre se o noso modelo de vida nos fai felices, recibirá unha bolsa na academia de oratoria EY Voice, varios dispositivos móbiles e billetes para viaxar.

 Ao longo do venres e o sábado, os e as participantes disputarán as fases de grupos, cuartos de final e semifinais no Teatro Kursaal de Melilla, que tamén será escenario o domingo da final, que será avaliada por un equipo de xuíces, presidido por Albert Rivera, embaixador Ledu, ademais de representantes de institucións e corporacións.