DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso organizado pola Universidade de Vigo e a USC

A Asociación Española de Climatoloxía reúne en Santiago de Compostela a 200 especialistas para afondar no cambio climático

Presentaranse 123 contribucións científicas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 19/10/2022

O congreso Retos do cambio climático: impactos, mitigación e adaptación botou a andar este mércores no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Este foro, organizado conxuntamente pola Universidade de Vigo e a USC, constitúe a edición número doce do congreso da Asociación Española de Climatoloxía (AEC).

Ata o venres 21, a xuntanza conformará un espazo de referencia para o intercambio, debate científico e difusión sobre as ciencias atmosféricas e, particularmente, o cambio climático. Especialistas en física, bioloxía, ou xeografía, entre outras disciplinas, participan neste foro que reúne a 200 persoas procedentes de Chile, Brasil, Colombia, Perú, México, Inglaterra, Portugal ou Andorra. Ao longo desta semana o congreso servirá de marco para dar a coñecer 123 contribucións científicas.

Modelos e escenarios climáticos; variabilidade, extremos e riscos climáticos; océanos e sistemas naturais; ou clima, saúde, economía e sociedade, son algúns dos bloques temáticos que integran o congreso. Os profesores da USC Alberto Martí, Dominic Royé e Alejandro Díaz Poso organizan o evento xunto coa profesora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense-Universidade de Vigo Nieves Lorenzo, investigadora do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña).

O vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez, presidiu o acto inaugural no que tamén interviron Mila Castro, concelleira en materia de Medio Ambiente de Santiago; Estrella Gutiérrez, en representación da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET); a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Sagrario Pérez; Domingo F. Rasilla, presidente da AEC; e Alberto Martí, integrante do comité organizador. O relatorio de Jesús Fidel González, da Universidade Complutense de Madrid, titulado Reconstrucións e simulacións do último milenio: experiencias para a simulación do cambio climático futuro serviu de punto de partida para o foro.