DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O estudante Diego Aires gañou o I Premio de TGF

A Asociación Española de Economía galardoa un traballo fin de grao vigués

O seu traballo aborda os efectos macroeconómicos dos impostos progresivos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
DUVI 16/01/2019

A Asociación Española de Economía puxo en marcha en 2018 o Premio de Traballos fin de Grao, aberto aos estudantes deste ámbito nas universidades españolas. E nesta primeira edición un dos primeiros premios foi para un estudante da Universidade de Vigo, en concreto para Diego Aires, por un proxecto sobre os efectos macroeconómicos dos impostos progresivos nun equilibrio xeral dinámico con axentes heteroxéneos. Aires, que na actualidade está a cursar o Máster en Economía da Universidade Carlos III de Madrid, explica que o seu proxecto fin de grao centrouse en “analizar o impacto dos impostos progresivos no benestar da sociedade e na desigualdade da renda”. Segundo relata, unha das conclusións máis destacables do seu traballo demostra que “o Goberno, con determinadas limitacións, pode levar a cabo políticas fiscais que permiten reducir a desigualdade da renda e, ao mesmo tempo, mellorar o benestar dos individuos con menos recursos da sociedade”.

En total, neste certame presentáronse un total de 137 traballos fin de grao procedentes de 31 universidades sobre temas tan diversos como teoría de xogos, economía experimental, economía laboral, inmigración ou finanzas. Xunto con Aires, resultaron tamén galardoados Pilar Alvargonzalez, da Universidad Pública de Navarra, por un traballo titulado Transmisión da desigualdade: os efectos da lei de custodia compartida en España e Pablo de Llanos, da Autónoma de Barcelona cun proxecto sobre os efectos da inversión estranxeira directa no crecemento económico, centrándose no caso de Irlanda.

“Un esforzo que pagou a pena”

Diego Aires valora a obtención deste galardón como “un dos logros máis gratificantes” de toda a súa vida académica. Explica que foi sempre un estudante “de moi boas notas” pero o Traballo Fin de Grao “foi un dos maiores retos que enfrontei na carreira de Economía, xa que houbo momentos difíciles nos que as cousas non saían”. Precisamente por estes atrancos e momentos complicados que Aires se foi atopando polo camiño, saber que foi o gañador do premio “fíxome sentir que todo o esforzo e tempo que investira no TFG pagara a pena”. Ademais, agora como estudante de mestrado, recibir a noticia da obtención do galardón “supón una motivación extra para seguir esforzándome ao máximo nos meus estudos”.

Convocatorias para fomentar a vocación investigadora

O premio da Asociación Española de Economía, por tratarse da primeira edición, non é unha convocatoria especialmente coñecida entre o estudantado universitario. No caso de Diego Aires, explica que foi o seu profesor Jaime Alonso, do Departamento de Fundamentos del Análisis Económico, o que lle deu a coñecer o galardón e o animou a presentar o seu traballo. Aires Lamenta de que este tipo de oportunidades non adoiten ser moi coñecidas, cando en realidade poden actuar como un incentivo para fomentar a carreira investigadora entre o alumnado. Pola súa experiencia, explica que se esforzou ao máximo no seu TFG sen saber que existían este tipo de premios, pero “se se lle dera máis cobertura a este tipo de premios e se destinasen máis recursos, incentivaríase sen dúbida a vocación investigadora dos e das estudantes”.