DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na cita participarán representantes de 13 facultades e escolas universitarias

A Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría celebrará esta semana en Ourense o seu encontro formativo anual

A programación desenvolverase os días 24, 25 e 26 de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 23/11/2022

A Delegación de Estudantes da Escola Universitaria de Enfermaría, centro adscrito do campus de Ourense, organiza os días 24, 25 e 26 de novembro as VIII Xornadas Formativas da Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría (AEEE). Na cita, que terá lugar na sede do Colexio Oficial de Enfermaría de Ourense, participarán 28 estudantes desta titulación procedentes de 13 facultades e escolas universitarias  co dobre obxectivo de avanzar na súa organización e na súa formación.  

A AEEE, explican desde a organización do evento, “é o maior órgano de representación estudantil de Grao en Enfermaría” que busca “loitar polos dereitos” das e dos estudantes de Enfermaría, así como pola súa (futura) profesión. A súa misión é representar, defender, coordinar e velar polo estudantado do Grao en Enfermaría do territorio estatal “na súa formación universitaria e co obxectivo de garantir un futuro profesional xusto nos ámbitos asistencial, docente, investigador e xestor”.

As xornadas formativas que terán lugar este ano en Ourense son un evento que organiza anualmente a AEEE co obxectivo de iniciar ao alumnado na representación estudantil e a elas pode asistir “calquera representante motivado para formarse e incrementar os seus coñecementos co fin de dar mellores servizos ás persoas representadas”. Porén, subliñan, a cita vai moito máis alá e pretende pór en contacto estudantes coas mesmas inquedanzas, compartir experiencia e consellos e formación. Na inauguración da cita participarán Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; María Milagros Fernández, directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense; Beatriz Cabanelas, directora de Enfermaría do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO); Conchi Pérez, representante da UVigo neste centro adscrito; Ascensión Pérez, presidenta do Colexio de Enfermaría de Ourense, e Paula Setién, presidenta da Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría.

Tres días de actividade

No encontro en Ourense participarán representantes das facultades e escolas de Enfermaría de, ademais da UVigo, Cantabria, Autónoma de Madrid, Alcalá, Camilo José Cela, Murcia, Oviedo, Lleida, Islas Baleares, Complutense de Madrid e Jaime I.  A función do estudantado neste evento será, tal e como indican desde a súa organización, bidireccional: docente e formador. “A maioría dos relatorios serán impartidos por persoas da propia asociación, con formación e preparación previa sobre o tema do relatorio e coa capacidade para ofrecelo”, indican. Doutra banda, engaden, as e os estudantes dos primeiros cursos do grao serán formados polo alumnado de cursos superiores en diversos ámbitos de interese común.

Ao longo dos tres días de evento levaranse a cabo distintas relatorios e talleres que teñen o reto de dotar ás e aos representantes asistentes "de habilidades e coñecementos que os axuden á hora de levar a cabo a súa función, así como debates e asembleas que teñen como finalidade dar a coñecer a Asociación Estatal de Estudantes de Enfermaría e formar futuras e futuros representantes". Así, ao longo das sesións abordaranse temas como que é a AEEE; as motivacións para estudar o Grao en Enfermaría; a lexislación universitaria; a representación estudantil; a organización universitaria e as asembleas. Tamén se abordarán, a través de talleres ou conferencias, aspectos como o traballo en equipo, a xestión do tempo, falar en público, a xestión emocional, a comunicación asertiva e o liderado. Tampouco faltarán actividades formativas centradas no feminismo e na comunidade LGBT.