DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se determinou nunha tese defendida na Facultade de Filoloxía e Tradución

Ata 2020 a lectura de prensa en galego era dependente e complementaria da española

A investigadora Silvia Duarte defende que a situación mudou coa aparición de Nós Diario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 04/11/2020

Ata este mesmo ano, coa aparición de Nós Diario, a lectura de prensa en galego era dependente e complementaria da española. Mentres que o lector de prensa nacional se facía cunha visión global do que acontece no resto do mundo, o da galega adquiría unha visión localista, rexionalista e, como moito, centralista, en alusión ao Goberno central. Así o defende a investigadora da Facultade de Filoloxía e Tradución Silvia Duarte na súa tese de doutoramento A ideoloxía na para/tradución e nos transvases de información: análise da situación da prensa en galego, dirixida polos doutores Silvia Montero e Xoán Manuel Garrido.

A investigación centrouse no estudo das manipulacións ideolóxicas que sofre a información na prensa. “A motivación de propoñernos estudar e traballar co intercambio de información entre diferentes culturas lévanos, xa que logo, non só a querermos analizar como se reinterpreta e traslada unha mesma información a distintas culturas, isto é, como se paratraduce a información, senón tamén a estudar de preto a situación particular do galego”, explica a investigadora, ao tempo que recalca que a través desta análise puido constatar de xeito claro que o lector galego que busca informarse de maneira exclusiva no seu idioma “practicamente non existe”. 

“Dado que a situación actual da prensa diaria en galego aínda estaba por estudar, a miña tese partiu da hipótese de que a inexistencia de xornais diarios de calidade en galego que lle ofrecesen ao lector de Galicia tanto novas de carácter local, como nacional e internacional na lingua propia, é a consecuencia da aplicación de forma continuada ao longo de séculos de políticas alleas aos intereses nacionais galegos”, explica a investigadora, quen recalca que estas políticas encargáronse de obstaculizar o desenvolvemento do sentimento nacional, así como de reducir a lingua a un dialecto rexional: “dous piares claves que marcaron dende o inicio o correcto desenvolvemento do proceso de normalización lingüística”. 

O foco da análise recaeu no estudo das manipulacións informativas

Para a realización desta investigación Duarte empregou un corpus de estudo plurilingüe, obtido a partir de noticias da sección de política internacional de xornais escritos en inglés, alemán, español e galego, e o foco da análise recaeu no estudo das manipulacións da información, sobre todo, nas realizadas en función de intereses nacionais de tipo económico-político.

A través do concepto de paratradución a investigadora puxo de relevo o paralelismo entre o campo da tradución e o do xornalismo. Segundo a súa visión, ambas actividades profesionais poden chegar a estar altamente influenciadas pola ideoloxía do propio autor, así como por parte de actores terceiros, xa sexan as editoriais ou os gobernos, de aí que haxa xornais que prescindan das inxeccións de capital público, pois ven nesta vía a mellor opción para preservar a súa independencia informativa, “caso, por exemplo, de Galicia Confidencial”, explica a investigadora.

Nós Diario, unha aposta pola “perspectiva galega da información”

No seu estudo centrouse exclusivamente en noticias sobre cumios internacionais, analizando como un discurso era reinterpretado nos xornais dos diferentes países. “En función dos intereses nacionais, todos os xornais, a excepción do galego, reflectían variacións de tipo ideolóxico en maior ou menor grao e de maneira explícita ou implícita. O único diario en galego naquel intre,  Galicia Hoxe, era fiel á interpretación informativa que se recollía no xornal español, sen excepción, polo que non se reflectía unha perspectiva galega”, indica a autora da tese, quen salienta que Sermos Galiza SA mudou radicalmente a situación a partir do 2 de xaneiro de 2020 sacando ao mercado Nós Diario en edición papel e dixital. “Sermos Galiza ofrece un xornalismo vangardista no territorio galego ofrecendo unha perspectiva galega da información e, polo tanto, representando os intereses do país”, recalca a investigadora.

Preocupante “monolingüismo acelerado en castelán”

“Cómpre destacar que segundo os datos do IGE nas últimas dúas décadas o galego deixou de ser a lingua maioritaria en Galicia e os falantes habituais pasaron de representar o 60% ao 45%”, apunta Duarte, quen lamenta a ruptura da transmisión interxeracional, xa que, tal e como recolle na tese, o 7% da poboación galega non lle transmite a lingua galega aos seus descendentes e apenas o 18% dos nenos e nenas aprenden a falar en galego. A tendencia do bilingüismo e monolingüismo cara ao castelán é manifesta no grupo de persoas de menos de 65 anos, así os que falan castelán ou maiormente castelán representan o 55% mentres que os que falan galego ou maiormente galego so o 44%. “Resulta rechamante, ao tempo que alarmante, que, a medida que as competencias bilingües foron aumentando, a única competencia lingüística que indica un marcado descenso é a oral, algo preocupante, se entendemos que a vitalidade dunha lingua se reflicte precisamente na oralidade”, subliña a autora da tese, quen ao seu xuízo “a aplicación do Decreto 79/2010 contribuíu, sen dúbida, ao retroceso en todos os ámbitos e a catapultar o monolingüismo acelerado en castelán”.

Para a análise da situación diglósica do galego realizada nesta investigación foi clave o estudo do nacionalismo histórico, así como o da elaboración da normativa do idioma, prestándoselle especial atención á proposta reintegracionista e á proxección internacional que esta destaca, ao entender o galego como unha variante dialectal do portugués. Neste sentido, a investigadora destaca o feito de que este ano a Real Academia Galega lle dedique o Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero.  “Por fin se lle rendeu a merecida homenaxe pola súa dilatada e prolífica traxectoria e polo seu fondo compromiso para coa lingua e cultura galegas a través da súa visión cabal dun nacionalismo internacionalista, o que o levou a establecerse como o referente intelectual do reintegracionismo moderno”, destaca Duarte.

Por outra banda, a autora da tese recalca tamén o feito de que a comparación da situación sociolingüística do galego co catalán e mailo vasco puxo de manifesto que “a planificación da política lingüística catalá e vasca é ben máis eficaz ca galega”, ao que engade que cabe ter presente tamén a realidade política, “xa que tanto en Cataluña coma no País Vasco dominan os partidos políticos autóctonos, onde ademais de nacionalismo de esquerdas tamén o hai de dereitas”.