DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na terceira edición do Athenathon, que se celebra ata o 9 de xuño

ATHENA rétate a acadar 13.000 quilómetros nun mes 

Pode participar alumnado, PAS e PDI das universidades do consorcio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • ATHENA
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 29/05/2023

13.000 son os quilómetros que separan os campus das nove universidades, entre elas a UVigo, integradas en ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), e tamén é a distancia que, ata o 9 de xuño, o alumnado, PAS e PDI desas institucións académicas está a invitado a acadar co gallo da terceira edición do Athenathon. Enmarcado nas accións da Comisión Europea a prol do patrimonio cultural que promovan unha visión máis global dunha Europa verde, sostible, resiliente e respectuosa co medio ambiente, o Athenathon anima ás e aos participantes na súa terceira edición a que contabilicen os quilómetros realizados a través de actividades sostibles como correr, camiñar, nadar, bicicleta, sendeirismo, aqua-biking, patinaxe, correr en cintas, bicicleta estática, remo, piragüismo, esquí, esquí de fondo, patinaxe sobre xeo, escalada etc. Cada participante poderá contribuír ao reto tantas veces como queira e desde calquera lugar dentro e fóra de Europa.

Aínda que 13.000 son os quilómetros que o Athenathon reta ás e aos seus participantes a lograr, o ano pasado acadáronse 31.500,un récord que a organización agardar superar nesta terceira edición.

Dúas modalidades para participar

O estudantado, PDI e PAS da UVigo, ao igual que o do resto das universidades que integran ATHENA, poderán tomar parte no Athenathon de dúas formas. Na primeira modalidade, os e as participantes presentarán o número de quilómetros percorridos en Twitter, Facebook ou Instagram cos cancelos oficiais do evento #move4athena ou #athenathon, xunto cunha captura de pantalla do rendemento na súa aplicación deportiva como proba.

A segunda forma de tomar parte no reto é uníndose a club Día Europeo Athenathon en Strava. O Día de Europa conmemórase o 9 de maio de cada ano para celebrar a paz e a unidade en Europa e marca o aniversario da histórica Declaración Schuman, un discurso pronunciado por Robert Schuman en París en 1950 no que presentou a súa idea dunha nova forma de cooperación política en Europa e que se considera o comezo do que hoxe é a Unión Europea.