DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á UVigo corresponderíanlle preto de 2 millóns de euros 

ATHENA solicita á Comisión Europea 14 millóns de euros para a creación de grandes alianzas de ensino, investigación e transferencia 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/02/2023

O consorcio ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), do que a UVigo forma parte desde xuño do ano 2022, acaba de solicitar á Comisión Europea 14 millóns de euros na convocatoria de European Universities Iniatiative para a creación de grandes alianzas nos ámbitos do ensino, a investigación e a transferencia á sociedade, poñendo en marcha universidades que non estean adscritas a ámbitos xeográficos concretos, senón que sexan consorcios dentro da UE que cubran distintos países, diversas linguas, infraestruturas, etc. “Trátase dunha convocatoria para a creación de European Universities , que este ano 2023 conta cunha dotación orzamentaria de 387 millóns de euros con dúas prioridades: o establecemento e consolidación das alianzas xa formadas e financiadas en anteriores convocatorias, e outra para as novas alianzas que se presentan por vez primeira ”, detalla Maribel del Pozo Triviño, vicerreitora de Internacionalización da UVigo. 

Dos 14 millóns de euros solicitados nesta convocatoria, case 2 corresponderíanlle á Universidade de Vigo, que terá que agardar, como os outros oitos socios do consorcio ATHENA ata o mes de maio ou xuño para coñecer a resolución da Comisión Europea. “Se acadamos este financiamento será un trampolín para conseguir máis proxectos, é un paso importantísimo, porque ademais non é un proxecto dun departamento ou dun grupo de investigación, é da institución e se o acadamos será para celebralo todos”, sinala Del Pozo. 

Para solicitar estes fondos, a UVigo tivo que ser previamente aceptada en ATHENA, coordinada  polo Instituto Politécnico de Porto, e a través do que foi invitada a realizar unha presentación da institución. “O que nos fixo diferentes a outras universidades é a creación dunha Unidade de Igualdade e todas as políticas que se fixeron a favor da igualdade e de non discriminación da muller. Isto foi determinante á hora de elixir á UVigo como socia de pleno dereito na alianza. En xuño asinamos un memorando en Creta e a partir de aí formamos parte de ATHENA”, lembra a vicerreitora de Internacionalización.

Unha alianza positiva 

Logo de sete meses de pertenza ao consorcio, que xunto á UVigo integran o Instituto Politécnico de Porto (Portugal), as universidades de Orleáns (Francia), Siegen (Alemaña), Niccolo Cusano de Roma (Italia), Maribor (Eslovenia), a Hellenic Mediterranean University (Grecia), a Vilnius Gediminas Tecnichal University (Lituania) e a Marie Curie-Skłodowskiej (Polonia), Del Pozo considera esta relación claramente positiva para a institución académica viguesa. “Desde xuño traballamos no actual proxecto, porque aínda que non temos financiamento si que nos unimos ao traballo que están a facer, primeiro na reunión de socios en Creta, logo na reunión de Porto onde traballamos en diferentes paquetes e achegando as nosas ideas. Foi crucial a reunión do paquete de investigación que se celebrou en decembro en Vigo e na que os socios puideron ver in situ os centros de investigación e as infraestruturas de investigación que temos”, detalla a vicerreitora, que tamén sinala que están a participar nalgúns proxectos novos da convocatoria Erasmus, que teñen unha parte virtual e outra presencial. “É moi positivo e serao máis”, asegura. 

Del Pozo tamén destaca a importancia dos acordos asinados recentemente por ela mesma, durante a súa visita a Brasil coa rede de reitores , Conif, así como un convenio con universidades de África, centradas no eido agrícola, ambas las dúas redes socias colaboradores de ATHENA. “Estamos a beneficiarnos das mobilidades, intercambio de ideas e internacionalización das boas prácticas, protocolos, etc…. e estamos moi contentos de ser elixidos para pertencer á ATHENA e de ser proactivos no tema de igualdade e políticas de xénero, que nos distinguise doutras universidades”, explica Del Pozo.