DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o anunciou este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

atlanTTic, Cinbio e CIM formarán parte da marca Cigus, Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego

O novo selo busca situar Galicia como referente no ámbito científico e investigador

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 04/12/2020

atlanTTic, Cinbio e CIM son os tres centros de investigación da Universidade de Vigo que formarán parte da marca Cigus, Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego, un novo selo identificativo no que se está a traballar desde o executivo galego e que, tal como anunciou este venres o presidente, Alberto Núñez Feijóo, permitirá proxectar Galicia como referente no ámbito científico e investigador, “unha especie de Galicia Calidade da investigación”. O anuncio realizouse no acto de entrega de certificados de acreditación aos centros de investigación do Sistema Universitario Galego, evento que contou coa participación, ademais do propio presidente da Xunta, do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, os tres reitores e os responsables dos oito centros de investigación acreditados: atlanTTIC, Cinbio e CIM, da UVigo; Ciqus, Cimus, Citius e Igfae, da Universidade de Santiago de Compostela, e o Citic, da Universidade da Coruña.

A acreditación da Xunta de Galicia a estes tres centros de investigación da Universidade de Vigo fora xa publicada no DOG do pasado 13 de xaneiro, pero a crise sanitaria provocada polo coronavirus retrasou a celebración do acto de entrega. “A acreditación é un recoñecemento da excelencia do persoal investigador destes centros e isto, xunto á creación deste novo selo, axudaralles a dar unha maior proxección para que sexan máis coñecidos tanto a nivel nacional como internacional”, explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, que acompañou ao reitor, Manuel Reigosa, e aos responsables destes tres centros de investigación ao acto de entrega. “É importante que se vexa que en Galicia hai unha potencia e unha masa moi relevante de centros de investigación nestes ámbitos: as telecomunicacións, o mar e a investigación biosanitaria no que a Universidade de Vigo se refire”, recalcou Rubio, quen tamén lembrou que a día de hoxe só tres comunidades contan con selos para identificar os seus centros: Cataluña (centros CERCA), País Vasco (centros GUNE) e Madrid (centros IMDEA).

Centros de referencia da investigación científica en Galicia

Pola súa banda o presidente da Xunta recalcou neste acto que o executivo galego incrementou ata os preto de 18 millóns de euros o investimento a estes oito centros de investigación, o que garante o seu financiamento para un período de tres anos, é dicir, ata 2022. “Con estas acreditacións aspiramos a consolidar un sistema científico máis competitivo, tanto a nivel estatal como europeo, co obxectivo de atraer e manter talento investigador e mellorar a posición das universidades galegas non rankings internacionais”, recalcou Núñez Feijóo.

No caso da Universidade de Vigo recolleron os certificados que os acreditan como centros de referencia da investigación científica en Galicia o profesor Martín Llamas, director de atlanTTic, o Centro das Telecomunicacións de Galicia; a profesora Diana Valverde, subdirectora do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio; e Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña, CIM. Todos eles, xunto aos seus compañeiros das outras dúas universidades galegas, apelaron á necesidade de manter o compromiso e dotar de recursos á investigación na comunidade galega como vía para afrontar os retos do presente e futuro apostando polo coñecemento e o talento que sae das universidades.