O estudo, realizado con usuarios de Afaga, empregou altofalantes intelixentes adestrados con IA
atlanTTic presenta os resultados do proxecto Sapiens para a detección de deterioro cognitivo e depresión
Demostrouse que coa IA elimínanse erros na diagnose ao incorporar variables como tempos de resposta
Un equipo de investigación de atlanTTic acaba de presentar, no marco dunha xornada organizada por Afaga, os resultados do proxecto Sapiens (Services & Applications for Healthy Ageing), unha iniciativa que tiña como obxectivo o deseño de ferramentas para a detección do deterioro cognitivo e a depresión mediante altofalantes intelixentes adestrados con intelixencia artificial.
O evento, impulsado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia, buscaba visibilizar solucións e innovacións dixitais relacionadas coa prevención e a atención á lonxevidade nos que está implicada esta entidade. En concreto, ao abeiro do proxecto Sapiens deseñáronse varias ferramentas tecnolóxicas adestradas con Intelixencia Artificial (IA) e técnicas de Machine Learning, DigiMoca e DigiYesavage, asistentes conversacionais intelixentes tipo Alexa, cos que se realizaron estudos e cribados con persoas maiores e tests de validación da súa usabilidade cos propios usuarios. En total traballouse cunha mostra de 73 persoas maiores de 50 anos, entre eles, usuarios de Afaga Alzheimer.
Menos erros de diagnose grazas á IA
Luis Anido Rifón, responsable do proxecto Sapiens, investigador de atlanTTic e catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, xunto cos investigadores Noelia Prieto e Moisés Pacheco, de atlanTTic, foron os encargados de presentar as conclusións máis importantes dos estudos e cribados realizados con estas novas ferramentas tecnolóxicas, que xa foran avanzadas no campus no mes de maio. Entre outros avances, o equipo demostrou que os resultados obtidos polos test tradicionais e os dixitais eran similares e que o uso da intelixencia artificial elimina erros no diagnóstico, ao incorporar novas variables, como os tempos de resposta ou as repeticións, que non se teñen en conta nos test tradicionais. Os resultados tamén mostraron unha boa aceptación destas ferramentas tecnolóxicas, tanto en usuarios como en profesionais.
O proxecto estivo financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinado por atlanTTic e contou coa participación da Universidade de Santiago de Compostela. Nel tomaron parte 13 investigadores e investigadoras, que contaron coa colaboración de, ademais de Afaga, o Centro de día Parque Castrelos, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares e o Coro Sénior da UVigo.