DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participará o luns nun coloquio na Casa das Campás, que sera guiado por Elías Domínguez

O atleta Martín Fiz achegará ao campus a súa historia de superación e mérito deportivo

A partir das 19.30 horas proxectarase un documental sobre a súa carreira

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cine
  • Deportes
  • Deportes
M. Del Río DUVI 26/11/2021

A historia do atleta Martín Fiz é unha historia de retos e superacións, de constantes atrancos aos que se foi sobrepoñendo, o último unha lesión que o obrigou a deixar de correr por un tempo e poñendo incluso en risco a súa vida. Esta lenda do atletismo español será o protagonista, este luns, da primeira sesión do ciclo Talento, superación e desafíos, unha nova aposta da Vicerreitoría do campus para poñer en valor as historias de homes e mulleres “que representan valores compartidos por todos e todas como son a superación, o esforzo e a mentalidade positiva”, explica o vicerreitor Jorge Soto.

Esta primeira cita será o luns ás 19.30 horas na Casa das Campás e comprende, por unha banda, a proxección do documental Fiz, puro matarón, unha peza audiovisual dirixida por Rodrigo Moro sobre o campión de Europa e do Mundo de Maratón e Premio Príncipe de Asturias do Deporte. Tras a película terá lugar un debate coa presenza do propio Fiz e da man de Elías Domínguez, subcampión de España de Maratón e subcampión do Mundo de Media Maratón. 

Jorge Soto explica que abrir o ciclo con Martín Fiz “é unha declaración de intencións ben clara do Campus a favor do que entendemos que el representa no mundo do deporte e na mesma vida”, xa que “é un deses deportistas que son admirados e que más aló dos seus méritos deportivos destaca pola súa mentalidade de loita e de superación e compromiso con causas sociais”. Recoñece que non foi doado sacar adiante esta actividade e conseguir cadrar axendas cun “deportista deste nivel” que ten moitos compomisos, pero coa súa participación arranca este novo ciclo Talento, superación e desafíos que, nos próximos meses traerán ao campus a outros deportistas que representen un exemplo para a comunidade universitaria e para a sociedade en xeral, tanto polos seus éxitos profesionais como polos valores que transmiten. 

Puro matarón

O documental Fiz, puro matarón foi estreado en 2014 e amosa a traxectoria deportiva e vital dun dos pioneiros do matarón en España. El, xunto con outros deportistas como Abel Antón ou Fabián Roncero, conseguiu unha serie de éxitos nacionais e internacionais que axudaron a popularizar esta proba en España, marcando un antes e un despois para o maratón español. 

O documental percorre a súa vida, tanto familiar como deportiva, chea de obstáculos ante os que nunca se rendeu. Xunto con el, na cinta aparecen atletas como Haile Gebrselassie, Abel Antón, Fermín Cacho, Alejandro Gómez, Maite Zúñiga, Fabián Roncero, Esteban Gómez, Gregorio Parra, Julio Rey, Anne Igartiburu, Joseba Beloki, Antonio Prieto, Alberto Juzdado, Pilar Martín, José Manuel Albentosa ou, Luis Miguel Landa.

A entrada á esta sesión de cine e debate é unicamente a través de invitación previa cursada pola Vicerreitoría.