DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asociación universitaria participa por cuarto ano no programa Galeuropa

Auce oferta 12 estadías formativas en Lisboa e Palermo

As candidaturas poden presentarse ata o 16 de agosto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 09/08/2018

A Asociación Universitaria de Ciencias da Educación (AUCE) promove por cuarto ano consecutivo un programa de prácticas internacionais para a mocidade galega, ao abeiro do Programa de Mobilidade Transnacional Xuvenil Galeuropa, cofinanciado pola Xunta de Galicia, a Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo e que ten como obxectivo reforzar a empregabilidade e competencias profesionais da mocidade. Dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos inscritos coma beneficiarios no Programa de Estratexia de Emprendemento e Emprego Xuvenil Garantía Xuvenil, a asociación universitaria ofrece desta volta un total de doce prazas para desenvolver estadías formativas non remuneradas, oito en Lisboa e outras catro en Palermo.

Desde a asociación universitaria destacan a “boa acollida do programa e o éxito nas cifras de inserción laboral” das tres anteriores edicións desta iniciativa, que neste 2018 suma como novo destino a capital de Sicilia. Alí, as persoas seleccionadas poderán desenvolver as súas prácticas baixo o amparo do Centro de Estudos e Iniciativas Europeo (Cesie), mentres que en Lisboa continúa traballando co Clube Intercultural Europeu, entidade coa que Auce colabora desde o ano 2015.

Solicitudes ata o 16 de agosto

Ata o vindeiro xoves 16 permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas, no que as persoas interesadas deberán enviar o seu currículo e unha carta de motivación ao anderezo auce.galeuropa@gmail.com. Dada a natureza da asociación, explica Auce, “na selección de participantes terán prioridade os e as que presenten un perfil asociado aos ámbitos educativo e social” e as estadías desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro. As persoas seleccionadas recibirán axuda económica para cubrir os gastos derivados de viaxe, aloxamento, transporte e seguros, así como formación lingüística nos idiomas propios do destinos. Ademais, a bolsa inclúe a participación nun seminario de preparación pedagóxica e cultural ao inicio da estadía e outro final sobre inserción laboral e oportunidades de mobilidade europea.