DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu unha presentación da curta ‘A rosa incandescente’

O audiovisual como ferramenta para proxectar a Rosalía nas aulas do século XXI

Outra das propostas culturais da semana, o concerto de Teo Cardalda, trasládase á EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 16/05/2022

O propósito de achegar a obra e a figura de Rosalía de Castro ao alumnado constituíu o punto de partida do proxecto que deu lugar á curtametraxe A rosa incandescente, que este luns presentaba na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a súa produtora e guionista, a profesora Anxos García Fonte. “Este traballo débese á nosa inquietude por crear contidos que cheguen facilmente ao noso alumnado, e para iso, no mundo en que vivimos é imprescindible utilizar os medios audiovisuais”, salientou no encontro que completou a proxección desta curta dirixida por David Vázquez. Promovida polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina, a Área de Normalización Lingüística e a Vicerreitoría do campus de Pontevedra, esta proxección e coloquio contou así mesmo coa participación da tamén docente do IES Breamo de Pontedeume Glafira Fernández-Campoamor, autora xunto con García Fonte da publicación Encanta se ri, conmove se chora, no que reúnen diferentes actividades didácticas relacionadas co filme e coa obra e traxectoria da escritora.

Da man dos docentes Benigno F. Salgado, Elvira Riveiro e Ana Acuña, nesta xornada leváronse a cabo dúas proxeccións da curta, sucedidas polo correspondente coloquio, dirixidas a achegar o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte ás orixes e características dun proxecto nacido cunha vontade didáctica. “A película trata sobre a vida, a obra e a figura de Rosalía de Castro. É unha maneira de mostrar os textos que pensamos que son máis representativos da súa obra, mostrando a escritora no seu ambiente”, explicou García Fonte desta curta de ficción, na que Rosalía de Castro é interpretada por Alba López. Nese senso, a produtora e guionista deste filme puxo o foco neste encontro, inserido nas actividades da Comisión PEA-Unesco de Ciencias da Educación e do Deporte, en que A rosa incandescente non busca ser unha biografía da escritora, senón unha obra “na que Rosalía de Castro se dirixe directamente ao público e fala das súas inquietudes”.

Ausencia de materiais audiovisuais cos que traballar nas aulas

Deste xeito, este proxecto buscaba dar resposta, como engadiu García Fonte, “o desafío comunicativo” que ten que enfrontar nas aulas o profesorado de secundaria, “o de conectar cun público adolescente inmerso nunha cultura totalmente audiovisual”. Neste punto, esta docente lamento “que hai unha pobreza de materiais audiovisuais sobre a cultura e literatura galega” que poidan ser empregados nas aulas. 

Con esa mesma idea, a curtametraxe tivo como continuidade a guía de traballo na que tamén afondaron nesta xornada García Fonte e Fernández-Campoamor. “Elaboramos unha serie de actividades moi variadas”, salienta esta última, que explica que esta publicación, continuada á súa vez por unha web con diferentes actividades interactivas, buscaba pór o foco non só figura de Rosalía como poeta, senón que presenta tamén diferentes textos en prosa coa idea de abordar “a súa vertente intelectual, así como tamén á súa vertente feminista e ecoloxista”. Do mesmo xeito, explicou Fernández-Campoamor, este conxunto de actividades trata tamén de afondar “na relación entre a linguaxe audiovisual e literaria”, coa idea de que o alumnado poida comprobar como en ambas “empréganse figuras retóricas”.

O concerto de Teo Cardalda trasládase a EE Forestal

Co patrocinio da Vicerreitoría, esta proxección constituíu á súa vez a primeira das diferentes actividades culturais que ao longo desta semana se suceden no campus, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas. Entre elas, atópanse tamén dous concertos do ciclo Músicas para reCREAr, impulsados ao abeiro dun convenio co Concello, o que na tarde deste luns protagonizan Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, 24 instrumentos populares galegos, e a actuación este xoves de Teo Cardalda. Inicialmente previsto na Casa das Campás, por motivos de capacidade da sala, este concerto terá lugar finalmente no salón de actos da Escola de Enxeñaría Forestal. Programado para as 20.00 horas, desde unha hora antes do inicio poderán recollerse as entradas para esta actuación gratuíta, que o que fora membro de Cómplices e Golpes Bajos centrará no seu último disco, El viaje que nunca acaba.

Previamente, a Vicerreitoría promove o mércores 18, nas ruínas de Santo Domingo, o espectáculo José Suárez. Suite para unha vida, que combina a música coas videocreacións realizadas a partir da produción artística deste fotógrafo.