DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación electrónica é realizada desde a Facultade de Dereito

Auga, medio ambiente e sustentabilidade nun novo número da revista 'Redas'

Enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Transferencia
Rosa Tedín DUVI Ourense 13/06/2018

No ano 2016 publicouse o primeiro número da revista Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad, lanzada desde a Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. A publicación electrónica, que ten unha periodicidade anual, vén de lazar o número correspondente a 2018 apostando unha vez máis por afondar en temas de dereito estatal e internacional relacionados coa auga pero tamén co medio ambiente e co desenvolvemento sostible. Rematado este número, a organización xa traballa na elaboración do vindeiro estando aberto o prazo de presentación de artigos. 

“Este novo número segue a mesma liña dos anteriores, traballando especificamente contidos sobre a auga e sobre temas máis amplos de medio ambiente e sustentabilidade, contidos que van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias procedentes do ámbito académico como do profesional”, explica Roberto O. Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo director da publicación, e Laura Movilla, profesora axudante doutora de Dereito Internacional Público e secretaria académica de Redas. A publicación, sinalan, cumpre os seus tres anos de vida atraendo cada vez máis o interese de expertas e expertos doutros países, principalmente hispanoamericanos, e formando parte xa da actividade académica da Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos Redexmar.

A estrutura da publicación, dispoñible de balde na súa web e patrocinada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Coren, segue os parámetros dos número anteriores. Así arranca cun editorial de Bustillo e Movilla titulado Dos mananciais de Ilión ás moderna fontes xurídicas das augas termais que parte do texto homérico da Iliada. “Nos editoriais de cada número de Redas, cunha finalidade divulgadora e literaria, presentamos sempre os contidos de cada número tomando como base elementos históricos, artísticos ou culturais en principio alleos ao mundo do dereito, co obxectivo de intentar tamén espertar a curiosidade de persoas alleas aos temas xurídicos”. 

Estudos de dereito estatal e internacional

Este número dous de Redas, terceiro exemplar se se ten en conta o seu número cero, inclúe tamén un estudo sobre as edificacións tradicionais no artigo 40 da Lei do Solo de Galicia 2/2016, especialmente  a  problemática  que  suscitan o  concepto  de  tipoloxía  das  edificacións tradicionais e as obras de  ampliación das mesmas, a cargo de Alfredo Lorenzo Bermúdez, avogado técnico en Urbanismo pola Egap. O segundo dos estudos céntrase no dereito da auga no contexto internacional e no ordenamento xurídico interno español e foi realizado pola investigadora Alba Rodríguez. 

No apartado de documentación administrativa e xurisprudencial, a publicación tamén conta cun texto sobre a xestión dos servizos do ciclo urbano da auga feito por Pilar Arias, xefa da Sección Xurídica da Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia. No apartado de crónica hai outro texto sobre o recoñecemento a achegas xurídicas relacionadas coa revista que foron galardoadas na primeira edición dos Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga, realizado pola investigadora Paula Gamallo. Completa este número unha recensión de Laura Movilla sobre The International Law of Transboundary Groundwater Resources, de Gabriel Eckstein, libro sobre augas subterráneas transfronteirizas e o seu réxime xurídico internacional.