DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A décimo primeira Máster Class Audiovisual Galego arrancou coa presentación de ‘Malencolía’

Augal bota andar afondando na experiencia dun filme rodado en dúas semanas

Mañá mércores terá lugar un coloquio coa guionista de ‘Cuñados’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/11/2021

Como facer unha longametraxe en dúas semanas? era o título da sesión coa que, na tarde deste luns, deu inicio a décimo primeira edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal, que os profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez promoven co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. Nesta primeira xornada, o cineasta Alfonso Zarauza achegou ao alumnado a experiencia de Malencolía, unha película que o director de Ons rodou na comarca do Carballiño entre finais de maio e comezos de xuño do presente ano. O coloquio sobre o proceso de traballo que deu como resultado este filme de terror, do que Zarauza é produtor, guionista e director, completouse coa proxección desta longametraxe para televisión, estreada o pasado mes de setembro no Festival de Cine de Ourense.

Dirixida a achegar o alumnado da facultade as experiencias de diferentes profesionais do sector audiovisual, Augal continúa a súa programación mañá mércores coa proxección de Cuñados, completada cun coloquio coa súa guionista, Araceli Gonda. O vindeiro luns proxectaranse as curtametraxes seleccionadas para o catálogo da Agadic Shorts from Galicia 2021; A Loba, da egresada Iria Silvosa; Augas Abisais, de Xacio Baño; Homeless Home, de Alberto Vázquez; Os Corpos, de Eloy Domínguez, e La Penumbra, de Dani Viqueira. Á semana seguinte, o luns 29, terá lugar unha sesión dedicada a analizar dous programas da TVG, Zigzag e Desmontando Galicia, da man de María Solar e Marcos Barrios, mentres que o 13 de decembro terá lugar a sesión A Canteira da FCSC, na que poderán verse cinco curtas realizadas o pasado curso por alumnado de Comunicación Audiovisual. Concretamente, proxectaranse O que queda de nós, de Miguel Abad; Termis, de Iván Dasilva; Voces Ocultas, de Andrea Varela, Bombas de palenque, de Martín Arufe, e Versos postmortem, de Nico Nargual, que optarán ademais a un premio outorgado por un xurado composto por tres membros da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e a Realización Crea.

Con entrada libre ata completar aforo, a programación de Augal 2021-2022 completarase o 15 de decembro coa conferencia que a responsable de Abano Producións, Chelo Loureiro, centrará no filme de animación Valentina.