DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Oito membros do equipo da serie protagonizan as catro sesións da Máster Class Audiovisual Galego

Augal celebra o seu décimo aniversario cun monográfico sobre ‘Hierro’

Cos responsables do seu guión, produción, edición e música

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Congresos e xornadas
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/05/2021

Preto dun centenar de profesionais presentaron 70 producións de diferente tipo ante 1500 alumnos e alumnas nas nove edicións que ata a data se desenvolveron da Máster Class Audiovisual Galego Augal, unha actividade dirixida achegar ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación á realidade do sector profesional. Coordinada polos profesores Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Augal celebrará neste mes de maio o seu décimo aniversario cun monográfico sobre a serie Hierro, que achegará á facultade varios dos responsables desta produción que Portocabo realiza para Movistar+ e a canle francesa Arte, gañadora en 2019 do Ondas á mellor serie española. Estruturada en catro sesións, que terán lugar os días 11,12, 18 e 19, na décima edición de Augal participarán os guionistas Araceli Gonda e Pepe Coira; a directora de produción, Ana Míguez; o axudante de dirección Diego Méndez; os compositores Elba Fernández e Xabi Font; o editor Gaspar Broullón e o produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco.

Hierro pareceunos unha serie que está a xogar na Champions, que pode competir con producións americanas e que permite pór en valor que en Galicia somos capaces de facer moi boas producións”, salientou Paulino Pérez desta décima edición de Augal, que leva por título Deconstruíndo Hierro e que este luns presentaba xunto ao vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres. 

Como “o acto máis importante que hai agora mesmo en Galicia para entendernos desde o audiovisual galego” definiu Soto esta máster class que, lembrou, “forma parte xa do ADN deste campus”. Nesta rolda de prensa, o vicerreitor lembrou a covid-19 obrigou nos últimos meses “a que moitas das actividades que tiñamos no campus” quedasen paradas, felicitándose nese senso pola posta en marcha desta nova edición de Augal, que se desenvolverá de xeito presencial na facultade, cun aforo reducido por mor das medidas de distanciamento ás que obriga a pandemia. De feito, como lembrou Pérez, este luns xa estaban cubertas 43 das 49 prazas dispoñibles para un evento que buscar “manter o vínculo entre a formación que damos no centro e o contexto profesional”, como engadiu Torres, quen salientou o labor dos seus coordinadores “para que non se produza ningún tipo de separación entre a formación que recibe o alumnado e a realidade do mercado ao que se van enfrontar”. 

Un sector estratéxico que a pandemia situou en primeiro plano

Nesta presentación, Torres puxo en valor o traballo da facultade na formación de “profesionais competitivos” para un sector “estratéxico para o desenvolvemento de Galicia”. Nese senso, a decana salientou que a pandemia serviu para confirmar que o audiovisual “se ten convertido no transmisor fundamental da cultura e nun elemento de cohesión social”, ademais da “importante función” que supón tamén o entretemento, o que a levou a incidir na necesidade de que o sector conte con “profesionais que acheguen valor a eses contidos audiovisuais que se teñen convertido no material fundamental en torno ao que a sociedade está vivindo”. 

Nese mesmo senso, Sutil reafirmou o apoio da Xunta cun evento que “pon en relación aos estudantes que van formar pronto parte deste sector coa xente que está facendo evolucionar unha industria que está vivindo un momento moi bo”. Dar a ese alumnado a posibilidade dun “contacto directo cos profesionais ao máis alto nivel mundial” constitúe a grande vantaxe de Augal, engadiu o director da Agadic, que á súa vez destacou que “tamén é bo que os profesionais recollan as opinións de estudantes con coñecemento e que lles poden axudar na súa tarefa”. Ao mesmo, tempo, engadiu Pérez, trátase tamén dunha actividade que permite que as e os profesionais “coñezan a facultade e o que facemos”. 

Catro xornadas, oito protagonistas

Agual 2021 ábrese mañá mates cunha sesión centrada no guión desta produción, que recentemente estreaba a súa segunda tempada, na que participarán Pepe Coira, que tamén colabora como asesor desta máster class, e Araceli Gonda, cuxo labor en Hierro foi xa premiado nos premios Iris ou Mestre Mateo. O mércores 12, a directora de produción, Marta Míguez, tamén recoñecida co Mestre Mateo polo seu traballo nesta serie, abordará como se levou a cabo este traballo “nunhas circustancias tan complexas como é producir nunha illa en tempos de pandemia”, lembrou Pérez. Presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Míguez, compartirá xornada co axudante de dirección Diego Méndez, que afondará na rodaxe desta serie nunha actividade que non poderá contar co director de Hierro, Jorge Coira, por atoparse actualmente rodando a súa nova película.

O martes 18 porase o foco na música, nun coloquio co compositor Xavi Font, que recentemente se estraba como produtor co filme de Oliver Laxe O que arde, e a música Elba Fernández, que desenvolveu a súa traxectoria baixo os nomes de Jane Joyd e Mordem, ambos recoñecidos tamén co Mestre Mateo por Hierro. O editor Gaspar Broullón completará esta terceira edición cun coloquio centrado na posproducón da serie. Por último, Augal celebrará o mércores 19 a súa sesión de clausura, cun coloquio titulado Desde o desenvolvemento á estrea, a cago do produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco, Fosco.