Na Facultade de Comunicación, con nove proxeccións, sesións formativas e coloquios con profesionais
Augal levará a Pontevedra o “mellor do audiovisual galego”
Aberta á cidadanía, arranca este xoves co patrocinio da Agadic
Conectar o alumnado da Facultade de Comunicación coa realidade do sector audiovisual é o obxectivo co que naceu a Máster Class Audiovisual Galego Augal, que entre este mes de novembro e marzo de 2024 achegará a este centro do campus pontevedrés directores como Ángel de la Cruz, Lucía Estévez e Quique Otero, produtoras como Beli Martínez e Silvia Fuentes e outra serie de profesionais da industria audiovisual. Patrocinada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia, a programación da décimo cuarta edición desta máster class abrangue a proxección de longametraxes como Honey Moon, La Parra ou o documental Filmei paxaros voando, sesións dedicadas a curtametraxes e series de televisión e actividades formativas. “Buscamos que o programa fose o máis variado posible”, salientou o profesor da Facultade de Comunicación e codirector de Augal Paulino Pérez, na presentación dunha edición que reúne “unha moi boa selección do mellor do audiovisual galego”, como engadiu o director da Agadic, Jacobo Sutil.
A decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e o director da Área Adxunta á Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Luis Torres, presentaron este martes, xunto a Pérez e Sutil, esta XIV Máster Class Audiovisual Galego, á que asistiron o codirector de Augal Miguel Anxo Fernández e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera. Aberta ao público, esta actividade comprende 27 horas de “formación complementaria de moi alta calidade”, que achega o alumnado “un reflexo do que é o sector audiovisual galego”, salientou Sutil. Non en van, trátase “dun programa transversal en canto a formatos e en canto a xéneros”, que achega os futuras e futuros profesionais “unha oportunidade única para que coñezan o funcionamento do sector”, engadiu o director da Agadic, mentres que Pérez destacou a presenza de profesionais formadas na propia facultade nunha actividade que busca tamén contribuír “á que a xente vexa cinema galego”.
Iniciativas como Augal axudan nese senso a que “Pontevedra estea a posicionarse como un referentes no audiovisual galego”, engadiu Torres, que destacou que “poucos eventos do sector audiovisual en Galicia e poucas programacións culturais poden falar dunha traxectoria tan longa”. A decana lembrou que en 2025 cumpriranse 25 anos da implantación en Galicia dos estudos en Comunicación Audiovisual, o que motiva que, “despois de moito sementar, esteamos recollendo os froitos”, como amosa a presenza na programación de egresadas e egresados. Torres incidiu tamén en que este avance precisa tamén de infraestruturas como a Aula de Cine, que a facultade puña en marcha neste 2024, co apoio da Vicerreitoría do campus, que ademais de acoller Augal tense convertido “un espazo adecuado” para outras iniciativas, como a programación previa dos Premios Feroz. A importancia do audiovisual no do proxecto de especialización Campus Crea foi destacada por Torres, que ademais da habilitación desta aula, lembrou os ciclos de cine que se programan cada cuadrimestre na Casa das Campás e a colaboración co festival Novos Cinemas.
De novembro a marzo
Augal 2024-2025 bota a andar este xoves 28 coa proxección de Honey Moon, “unha comedia negra moi orixinal”, como destacou Pérez, que será presentada polo seu director e produtor, Quique Otero. Xa en decembro, o xoves 12 terá lugar unha sesión formativa sobre a busca de localizacións para producións cinematográficas, “un perfil profesional moi buscado nese momento”, a cargo do egresado Andrés Rozados e, unha semana máis tarde, o IV Concurso A Canteira-Augal, no que se proxectarán oito curtametraxes de ficción realizadas polo alumnado de Comunicación Audiovisual.
No segundo cuadrimestre, retomarase a programación o 5 de febreiro con La Parra, de Alberto Gracia, unha longametraxe premiada recentemente na Seminci de Valladolid e que será presentada pola produtora e profesora da facultade Beli Martínez. Outra exalumna, Silvia Fuentes, protagonizará á semana seguinte un coloquio no que relatará “todos os pasos que foi vivindo” na súa traxectoria como produtora; e o 19 de febreiro terá lugar unha sesión dedicada á Ghuassap, unha serie de comedia producida por CTV para a TVG, coa participación do seu director, Luis Avilés.
Febreiro pecharase coa proxección das curtametraxes A marola, Abellón e María Rita, presentadas polos seus directores, o gañador de tres premios Goya Ángel de la Cruz, Fon Cortizo e Juan Barbazán. Xa en marzo, a exalumna Lucía Estévez falará de Os Argonautas e Weiss & Morales, series que codirixiu para TVE e a canle alemá ZDF, nunha sesión na que trazará un percorrido pola súa traxectoria. Finalmente, Augal pechará esta edición o 26 de marzo co documental Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño, presentado pola produtora Silvia Fuentes.