DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Máster Class Audiovisual Galego clausurou a súa 12ª edición cunha entrega de premios

Augal recoñece ‘Cando o tempo acabe’ como mellor curta do pasado curso

Dirixida por Miguel Gómez Abad, naceu como TFG de varios alumnos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 15/12/2022

“Nun mundo colapsado por unha grave crise climática, Elba, unha brillante científica, tentará resolver un erro do seu pasado a calquera custo”. Deste xeito preséntase Cando o tempo acabe, unha curtametraxe de ciencia ficción dirixida polo titulado en Comunicación Audiovisual Miguel Gómez Abad que na tarde deste xoves se alzaba co premio á mellor curta do pasado curso na sesión de clausura da Máster Class Audiovisual Galego, Augal. Promovida pola Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Augal pechou a súa segunda edición cunha xornada titulada A canteira da FCSC, dirixida a premiar as mellores curtas realizadas o pasado curso polo alumnado da facultade no marco da súa formación académica.

Nove curtas, realizadas como traballos para diferentes materias ou como traballos de fin de grao (TFG) optaban a uns galardóns decididos por un xurado integrado pola actriz Carmen Méndez, membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, Alberto Urruti, desenvolvedor de contidos de Ficción Producciones, e a exalumna Laura Guizán, coordinadora do OUFF en Curto, do Festival Internacional de Cine de Ourense. Tras a proxección das nove curtas seleccionadas na sesión de peche de Augal, o xurado decidiu outorgar un primeiro premio cunha dotación económica de 300 euros a Miguel G. Abad, que o pasado curso xa fora premiado nesta Máster Class Audiovisual Galego por O que queda de nós, así como outorgar un segundo premio, cunha dotación de 200 euros, a Solpor, de Susana Alba.

Unha curta na que a atmosfera é a principal protagonista

Rodada o pasado mes de marzo, o premio outorgado nesta sesión de Augal constitúe o primeiro galardón para Cando o tempo acabe, estreada hai unhas semanas na última edición no Festival do Imaxinario de Vilagarcía e seleccionada tamén para o Riocce Fright Night Film Festival de Río de Xaneiro e a Mostra de Curtametraxes de Ferrol. “Tiven a oportunidade de ver algunhas das curtas que se presentaban xunto á nosa e había un gran nivel, polo que estamos moi agradecidos”, sinala Gómez Abad, director tamén da curtametraxe premiada na anterior edición desta máster class, O que queda de nós, unha peza que acadou máis de 40 seleccións en festivais e sete premios. 

Como xa fixera nesta curta, Gómez Abad apostou de novo en Cando o tempo acabe polo xénero da ciencia ficción coa idea de “falar de problemas actuais, como é neste caso o cambio climático, ou de temas máis introspectivos, como pode ser a soidade”. Fíxoo nunha obra “distópica”, na que “nun mundo devorado por unha crise climática, unha personaxe quere resolver un erro do pasado a calquera costa”. Gravada na cara norte de Manzaneda, nun espazo “inhóspito”, trátase dunha curta na que a atmosfera ocupa un papel central, coa idea de xerar “unha serie de sensacións” no espectador, nunha peza que permite “bastantes lecturas”, como recoñece o seu director. “Para nós xerar esa atmosfera era o máis importante, traballamos desde o principio co son e a fotografía coa idea de crear unha serie de sensacións”, salienta Gómez Abad dunha curta que recoñece á súa vez como “unha espiña cravada”, xa que se trataba dun proxecto previsto para 2020 e que a pandemia obrigou a adiar. De feito, o guión e produción deste proxecto formaron parte do TFG que defendeu en 2021, mentres que o resultado final dun proxecto no que participaron diferentes estudantes da facultade converteuse no traballo de fin de grao de Jorge Díaz e Juan Garrido, responsables precisamente, do son e da fotografía da curta. 

Por outra banda, o xurado tamén recoñeceu o traballo de Susana Alba, unha curta que, como explica, pon o foco “no tema da soidade”, a través da historia “dun home que queda sen traballo e que, por non defraudar á súa familia, decide marchar”. Nacida tamén como un TFG, Alba recollía “con moita ilusión” o galardón outorgado a Solpor, que se suma ao acadado no Angus Film Festival, en Madrid, e ás dúas mencións recibidas nun certame promovido pola USC.

Xunto ás premiadas, nesta sesión puideron verse tamén as curtas Ágape, de Patri Villalón; Asunción, de Andrea Varela; Flores blancas, de Marcos Herrera; My Truth, de Marta Bouzas; Love Core, de Manu Sacoga e Noelia Sánchez; Cairo, de Hugo Rodríguez e Miguel Romero; e Carlos foi vivir ó mar, de Fernando Areal. 

Punto de encontro cos profesionais do audiovisual

Este acto de clausura contou coa participación da decana de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, e do director da Agadic, Jacobo Sutil, que xunto ao profesor Paulino Pérez, coordinador de Augal xunto con Miguel Anxo Fernández, encargáronse de entregar os diplomas aos preto de 70 alumnos e alumnas que asistiron á decimo segunda edición desta máster class. Entre os meses de outubro e decembro, Augal permitiu ao alumnado achegarse ás diferentes fases de traballo no desenvolvemento dunha produción audiovisual nunha serie de encontros con directores, produtores e guionistas. O ciclo abriuse nesta ocasión con tres sesións centradas na serie Rapa, nas que participaron, entre outros, o seu director, Jorge Coira, e o guionista Pepe Coira. Así mesmo, Augal permitiu coñecer longametraxes como Welcome to ma maison, de Andrés Goiteira, ou Jacinto, de Javi Camino, ao igual que a serie Operación Marea Negra, a través dun encontro cos seus produtores executivos Mamen Quintas e Toni Veiga.