DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa, aberto a comunidade universitaria e público xeral, terá lugar entre abril e maio

Augaventura 2021 propón sete actividades acuáticas na ría de Vigo e no río Miño

Unha das máis completas é a ruta en kaiak á illa de San Simón, con andaina e mergullo de superficie

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
Rebeca López Villar DUVI 09/04/2021

Un ano máis, a programación de Augaventura converte a ría de Vigo e as augas do Miño no escenario de actividades acuáticas para todos os gustos: descenso de rápidos, flyboard, mergullo, surf, wakeboard, windsurf e unha combinación de kaiak, sendeirismo e mergullo de superficie. As propostas desta iniciativa promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte estenderanse ata mediados do mes de maio e terán lugar en diferentes espazos da ría, como Bouzas, a praia de Patos ou a enseada de San Simón. 

Respectando todas as medidas sanitarias e co obxectivo de impulsar a práctica deportiva con prezos accesibles, o programa está aberto tanto para persoas que forman parte da comunidade universitaria como para aquelas que son alleas a ela. Neste senso, os prezos de matrícula varían segundo o colectivo ao que pertenzan os solicitantes, e as usuarias e usuarios con abono mUVer obterán un desconto do 20%. A inscrición xa se atopa aberta e debe realizarse a través do Campus Activo

As actividades comezan o 11 de abril

Todas as actividades ofertadas por Augaventura contan con varias datas. O programa botará a andar o domingo 11 de abril cun bautismo de surf de dúas horas de duración. O punto de encontro será a sede de Prado Surf na praia nigranesa de Patos, que acollerá outras dúas sesións o 18 de abril e 2 de maio. O prezo desta actividade é de 6 euros para membros da comunidade universitaria, 9 € para persoas tituladas na UVigo e 12 € para público xeral. 

Os sábados 24 de abril e 8 de maio tocaralles aos grupos interesados en probar o flyboard, unha experiencia de 20 minutos que lles permitirá “voar” sobre as augas próximas ao Liceo Marítimo de Bouzas. Neste mesmo espazo terá lugar a introdución ao esquí acuático sobre táboa, wakeboard, que se levará a cabo os días 25 de abril e 2 de maio. 

Os xoves 22 de abril e 6 de maio, o Liceo acollerá a actividade de windsurf, que durará aproximadamente dúas horas e media. O custo das sesións de wakeboard e windsurf é de 10 € para a comunidade universitaria, 15 € para tituladas e titulados da Universidade e 20 € para persoas alleas, mentres que os prezos do flyboard son de 20, 30 e 40 € respectivamente. As tres actividades organízanse en colaboración con Tierra y Mar. 

A actividade de mergullo realizarase na piscina universitaria, o xoves 15 de abril, cunha duración de dúas horas, ou nas illas Cíes, o 17 de abril e o 1 de maio durante catro horas. A matrícula da actividade en interior custa 10 € para membros da comunidade universitaria, 15 € para egresadas e egresados e 20 € para público externo, mentres que en exterior o custo é de 40, 60 e 80 € respectivamente. 

Para as persoas que prefiran as augas do río, as citas serán o 23 de abril e o 14 de maio co descenso de rápidos no río Miño, na localidade de Arbo. Neste caso, tanto os materiais, prestados por Arrepións, como o transporte desde Vigo e Pontevedra están incluídos no prezo, que é de 15 € para comunidade universitaria, 22.5 € para persoas tituladas e 30 € para público xeral. 

Visita en kaiak á illa de San Simón

Unha das actividades máis completas é a ruta da illa de San Simón, que se realizará os días 1 e 15 de maio en colaboración con Marexada e permitirá ás persoas matriculadas practicar deporte á vez que coñecen a historia do lugar. De feito, nesta excursión en kaiak os participantes pararán en lugares de interese e visitarán as instacións da illa a través dun percorrido guiado. 

Ademais, os grupos chegarán coas súas canoas aos illotes de San Bartolomé e San Norberto para realizar mergullo de superficie e coñecer as lendas dos naufraxios de Rande. O prezo desta actividade é 15 € para comunidade universitaria, 22.5 € para tituladas e titulados e 30 € para público xeral.