DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Oito alternativas de deportes acuáticos para todo o mundo

Augaventura: un programa para mollarse no comezo da primavera

As actividades desenvolveranse entre marzo e abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
M. Del Río DUVI 07/03/2019

Oito actividades, oito formas de mollarse agora que chega a primavera. Esta é a proposta da Área de Benestar, Saúde e Deporte que, en colaboración co Campus do Mar, organiza Augaventura, unha iniciativa inserida dentro da oferta deportiva do segundo cuadrimestre. As actividades comezarán o último fin de semana de marzo e repiten as modalidades que xa se practicaron na edición do pasado outono. Deste xeito, as e os participantes poderán facer flyboard, descenso de rápidos, surf, wakeboard, windsurf, mergullo ou paddlesurf e, ademais, realizarán un roteiro pola illa de San Simón que combina kayak, andaina e snorkel.  

Trátase dunha proposta creada hai 18 anos que ten como finalidade achegar a práctica de actividades acuáticas que requiren material especializado e custoso á comunidade universitaria e ás persoas alleas. Grazas a este programa, as e os interesados poden iniciarse en estas modalidades a prezos accesibles. 

A aventura comeza o 30 de marzo

A edición de primavera de Augaventura comeza o sábado 30 de marzo con paddlesurf, unha actividade que, en colaboración con Marexada, terá lugar na praia fluvial do río Lérez, en Pontevedra. Tras a inauguración da tempada de auga por parte dos participantes na actividade de paddlesurf, os seguintes en mollarse serán os que descendan polos rápidos do río Miño, no seu paso por Arbo, o venres 5 de abril. Esta actividade repetirase para un segundo grupo o día 26 do mesmo mes. 

O primeiro grupo de flyboard (táboa aerodeslizante conectada a unha moto acuática, que se eleva co impulso dos chorros de auga) iniciarase na aventura o 6 de abril no Liceo Marítimo de Bouzas e poderán repetir experiencia o día 27 do mesmo mes. Ademais, nese mesmo fin de semana, o día 7 de abril, darán comezo os bautizos de surf na praia Patos (Nigrán), que retornarán o 28 de abril cun segundo grupo. Por último, o roteiro pola illa de San Simón, que combina kayak, andaina e snorkel, terá lugar o primeiro sábado do mes de abril. 

Dentro do programa tamén terá presenza o mergullo, tanto na piscina universitaria, o día 26 de marzo, como cunha saída ao mar en colaboración con Buceo Islas Cíes o día 27 de abril, que se levará a cabo nas illas Cíes se as condicións o permiten. Para rematar coas actividades que se ofertan, Augaventura tamén achega a práctica de windsurf e wakeboard (esquí acuático sobre táboa). Ambas actividades, en colaboración con Tierra y Mar, saíran dende o Liceo Marítimo de Bouzas, no caso do windsurf  a data de celebración será o 9 de abril, mentres que para o wakeboard  a cita terá lugar o 28 de abril. 

Inscrición e prazos

A inscrición poderá realizarse a través de deporxest, cun mínimo dunha semana de antelación, e está aberta ás e aos membros da comunidade universitaria, así como tamén persoas alleas á mesma, con prezos diferentes segundo a que grupo se pertenza ou se se está en posesión dun abono Muver ou non.