DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa programación desenvolverase ao longo do primeiro cuadrimestre

A Aula Aberta de Educación volve para fomentar a lingua galega, a lectura e a reflexión sobre realidades invisibilizadas

Contará coa participación das escritoras An Alfaya, Paula Carballeira e Eva Mejuto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 07/09/2022

O pasado curso académico, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense puxo en marcha unha Aula Aberta co dobre obxectivo de fomentar o uso do galego e a reflexión crítica sobre temas de interese social. A iniciativa continúa este curso académico cunha programación de tres sesións centradas en “realidades invisibilizadas” e que se desenvolverán ao longo do primeiro cuadrimestre coa participación das escritoras An Alfaya, Paula Carballeira e Eva Mejuto.

A iniciativa, explican desde o centro, quere contribuír a fortalecer o plan de normalización do uso da lingua galega que ten a Facultade de Educación e Traballo Social nos seus Graos de Educación Infantil e de Educación Primaria e conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Área de Normalización Lingüística e a Unidade de Igualdade da UVigo. Tal e como explica Isabel Mociño, vicedecana do centro organizador (e xunto á tamén profesora e vicedecana Ana Mª Iglesias responsable do seu plan de normalización lingüística), a programación agora lanzada dá continuidade á celebrada o cuadrimestre pasado e mantén o seu lema de Á espreita dos ríos subterráneos. “Queremos continuar esta iniciativa botando a ollada noutros aspectos moitas veces invisibilizados na sociedade e alleos aos curriculums académicos. O noso alumnado, como futuros educadores e educadoras, ten que ser sensible a todas esas realidades que logo lle van a chegar ás aulas e fronte ás que poden ser mediadores”, comenta a profesora da UVigo.

A Aula Aberta, explican desde a facultade promotora, quere ser un espazo de reflexión crítica e de participación aberto á comunidade universitaria pero tamén á sociedade en xeral. “O formato é o de aula aberta, na que a espreita leve á reflexión crítica e á análise sosegada, dende diferentes perspectivas, sobre aspectos como o papel das mulleres na ciencia, os prexuízos lingüísticos, a infancia e mocidade en risco de exclusión social, as migracións ou os conflitos ao redor da construción da identidade”, comentan. Nesta edición, cada sesión contará coa participación dunha escritora, dun investigador ou investigadora e de algunha persoa que poida falar en primeira persoa da problemática abordada. “O que máis nos interesa é a reflexión e para fomentala e enriquecela non queriamos ter só a visión literaturizada ou ficcionada do tema a tratar, queremos facer consciente ás persoas de que a literatura, e todo o que lemos, estanos mediando a nosa visión da realidade”, comenta Isabel Mociño. Por este motivo, engade, “incluímos en cada sesión expertos nas diferentes materias ou persoas que viviron en primeira persoa a problemática, para que tamén haxa ese contraste entre a ficción e a visión da realidade. Cando lemos un libro moitas veces pensamos, esa é unha historia inventada, pero en realidade os autores e as autoras inspíranse en algo, coñecen realidades para literaturilizalas”.

Tres primeiras sesións

Coa programación deseñada para esta segunda edición da Aula Aberta, explica Isabel Mociño, “queremos seguir avanzando na normalización lingüística, nos hábitos lectores e na reflexión, debate e diálogo aberto con persoas que tiveron a valentía de abordar realidades moitas veces silenciadas”. A actividade arrancará o 27 de setembro, ás 17.30 horas, cunha sesión titulada Ríos subterráneos: infancias invisibles. Nela, indica a profesora, “centrarémonos nesas infancias que transcorren por camiños complexos e que moitas veces nos pasan totalmente desapercibidas pero que forman parte da sociedade, como é a dos rapaces e rapazas en centros de menores”. A sesión contará coa participación da escritora An Alfaya, “que na súa novela O grupo fala desa infancia invisible” e do profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Jesús Deibe Fernández Simo, especialista no eido de menores en risco de exclusión social.

A segunda sesión da Aula Aberta será o 7 de outubro, ás 11.00 horas e co lema Ríos subterráneos: correntes migrantes. Neste caso, a reflexión focalizarase “na situación de persoas que vivindo na nosa sociedade moitas veces están invisibilizadas por prexuízos raciais ou de procedencia”. A visión literaria chegará da man da escritora Paula Carballeira, “unha das contacontos máis internacional que temos unha das primeiras que escribiu e deu voz a unha cultura diferente en lingua galega coa novela Smara”, tal e como explica Isabel Mociño. Con ela estará Paula Jorge Horta, mestra formada na Facultade de Educación e Traballo Social ourensá e que ten abordado en primeira persoa nas súas canles en redes sociais os prexuízos raciais que ten vivido pola cor da súa pel.

A programación deste cuadrimestre da Aula Aberta da Facultade de Educación e Traballo Social rematará o día 4 de novembro, ás 11.00 horas, cunha sesión titulada Ríos subterráneos: identidades líquidas, centrándose neste caso nas identidades de xénero. “A sociedade está mudando a percepción da construción de xénero, da identidade, e queremos coñecer situacións e vivencias de persoas que transitaron por esa liña e que teñen moito que contar”, comenta Isabel Mociño. Nesta actividade participarán Eva Mejuto, escritora autora da obra 22 segundos, onde narra a vivencia de cambio de xénero dun adolescente; Éric Dopazo, músico e youtuber, e María Victoria Fernández Carrera, investigadora da UVigo especialista en temas de xénero e identidade. Todas as sesións, abertas ás persoas interesadas, celebraranse na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Educación e Traballo Social, sendo a inscrición de balde.