DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase unha nova edición do obradoiro de música tradicional do campus

A aula de gaita amplíase ofrecendo tamén formación en percusión

Gonzalo Abelairas é o seu director

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 02/12/2022

Entre a oferta de obradoiros de extensión universitaria que cada cuadrimestre organiza a Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación Provincial, está un dedicado á música tradicional galega. Se ata o de agora esta aula estaba centrada na gaita, este curso académico amplía a súa formación abranguendo tamén a percusión. Unha edición máis, esta actividade volve á palestra para ser un punto de encontro semanal no que as persoas amantes da música tradicional melloran os seus coñecementos sobre ela.

Dirixida polo músico Gonzalo Abelairas, esta aula é xunto ás aulas de teatro e danza do campus de Ourense, unha das propostas que conta nesta programación de extensión universitaria cunha traxectoria máis duradeira e cun público máis fidelizado, celebrando xa a súa undécima edición consecutiva. A matrícula neste obradoiro estivo de novo restrinxida a dez prazas, completándose todas elas, principalmente con persoas que repiten de edicións anteriores deste obradoiro e que desexan continuar un curso académico máis ampliando os seus coñecementos de música tradicional galega. “Moitas e moitos dos matriculados repiten de cursos anteriores e teñen o campus de Ourense como o seu sitio para ir a aulas de música tradicional; outras e outros comezaron este ano de primeira vez no obradoiro”, comenta Gonzalo Abelairas.

Iniciación e perfeccionamento

O obradoiro, que arrancou o pasado 13 de outubro e continuará ata o 15 de decembro, conta con 30 horas de formación e como lugar de celebración principal o pavillón de estudantes do campus, onde se desenvolven as clases cada xoves pola tarde. Os seus contidos están enfocados tanto ao alumnado de iniciación como ao de perfeccionamento e nas sesións as e os participantes divídense en grupos atendendo ao seu nivel de coñecementos previos e ao instrumento que tocan, compartindo noutros momentos sesións conxuntas.

Na actividade, sinala o seu responsable, continúase traballando arredor dos contidos de anos anteriores e, segundo o nivel do alumnado, afóndase no coñecemento da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación ou a ornamentación, ademais de achegarse a diversos aspectos da música tradicional. “Este ano, como novidade, ofertamos tamén percusión dentro do obradoiro, co que complementamos a formación da xente que vén a el. Ademais de traballar a parte de gaita, aproveitamos para tratar os diferentes tipos de ritmos e acompañamento dentro da formación solista de gaita e tambor e tamén dos cuartetos ou agrupacións máis grandes”, explica Gonzalo Abelairas. Así, detalla, hai alumnado e que participa das dúas partes, gaita e percusión, e algún só do apartado de percusión, “e logo facemos un ensaio conxunto para ir pondo en práctica o aprendido nas sesións”.