DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha serie de concertos nos que estará acompañada por diferentes agrupacións

A Aula de Música Tradicional actuará cada luns de xuño nunha praza da cidade

O ciclo arranca o día 5 ás 20.30 horas na praza da Verdura 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 01/06/2023

A música tradicional soará de novo nas principais prazas da cidade da man da aula permanente do campus, que ao longo do mes de xuño protagonizará unha serie de actuacións no espazo público nas tardes de cada luns. Programados para as 20.30 horas, esta serie de concertos terá como escenario as prazas da Verdura, do Teucro, da Ferraría e de España, e como protagonistas ás 44 persoas que se forman no campus no manexo de diferentes instrumentos populares, nunha actividade coordinada polo músico Suso Vaamonde.

Xurdida hai seis cursos e aberta á participación tanto da comunidade universitaria como do conxunto da cidadanía, esta Aula Permanente de Música Tradicional Galega tiña entre os seus obxectivos a consolidación dun grupo estable, que nos últimos meses protagonizou unha serie de actuacións, tanto dentro como fóra da Universidade. Co propósito de “dar visibilidade ao traballo que se está facendo”, como sinala o director de área Luis Torres, a Vicerreitoría promove por segundo ano consecutivo, coa colaboración do Concello, este ciclo de concertos na rúa que, como engade Vaamonde, busca “ter unha continuidade” e converterse nunha cita fixa na programación cultural do campus.

Catro citas con diferente repertorio e escenario

A primeira destas actuacións terá lugar o vindeiro luns 5 na praza da Verdura e correrá a cargo do grupo de gaitas e percusión da aula, que, á semana seguinte, actuará na praza do Teucro. Desta volta, farao acompañado polo coro sénior do campus de Vigo e polo novo grupo de baile tradicional do campus pontevedrés, xurdido do obradoiro de iniciación impartido pola mestra de baile, pandeireta e canto Montse Rivera. Os seus integrantes bailarán dúas pezas neste concerto, na que será a súa primeira actuación. Sete días despois, o luns 19, o grupo de gaitas e percusión trasladarase á Ferraría, onde estará acompañado polo Grupo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela (USC). 

Finalmente, esta programación péchase o 26 de xuño cun concerto “totalmente diferente” aos previos, como recoñece Baamonde, no que a aula participará en “formato orquestra”. Nesta actuación non estará só o grupo de gaitas e percusións, senón tamén os acordeóns, zanfonas, ocarinas é frautíns, aos que se sumará á súa vez a participación doutras seis agrupacións. Concretamente, nesta cita actuarán, xunto á aula ao completo, integrantes da Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, da asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, da agrupación folclórica Tequexetéldere da Estrada, da Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, da asociación cultural A Fuliada de Betanzos e do grupo folclórico Hai que Roelo de Cuntis. 

Nese senso, unha das novidades con respecto ao ciclo de 2022 é a participación da aula ao completo, o que leva tamén a que “cada día teñamos un repertorio diferente”, como recoñece Vaamonde. Así, se ben na anterior edición cada semana o grupo de gaitas e percusión interpretaba o mesmo repertorio con diferentes acompañantes, desta volta este irá variando en cada concerto, susténtandose en todos os casos “en pezas tradicionais”, que irán, como explica Vaamonde, “das muiñeiras e xotas, ás mazurcas, valses ou polcas”. 

Das prazas de Pontevedra a múltiples puntos de Galicia

Ademais du ciclo de actuacións que servirá como peche a un novo curso da aula, as e os seus integrantes participarán nas próximas semanas en diferentes eventos musicais en múltiples puntos de Galicia. O xoves 15 acompañarán ao Grupo de Danza da USC nunha actuación no Pazo de Fonseca, en Santiago, e ao día seguinte o seu grupo de acordeóns intervirá no II Encontro Teclas e botóns, na Serra de Outes, mentres que o sábado 17 a aula ao completo sumarase ao encontro de escolas de instrumentos populares da Estrada. A estas actuacións engadirase outra en Salceda de Caselas o 1 de xullo, a participación do grupo de zanfonas nun encontro en Rianxo ao día seguinte e outra actuación en Cuntis o 12 de agosto, alén da súa participación nos actos de graduación de Dirección e Xestión Pública e Fisioterapia nas próximas semanas. 

Continúa a programación da Miteu

 

Este ciclo de concertos súmase á programación cultural da Vicerreitoría, que nestes días ten como principal protagonista á XIV Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), que deu inicio o luns 29. Tras os espectáculos da aula do campus de Vigo e do grupo Cordelia de Ourense, este xoves pode verse no Teatro Principal Intermitencias, a montaxe desenvolvida pola aula do campus pontevedrés baixo a dirección de Salvador del Río. A programación da Miteu complétase a vindeira semana con dous novos espectáculos. O xoves 8 poderá verse As cidades agochadas. do grupo Maricastaña do campus de Ourense, e o venres 9, estudantes da Universidade do Minho presentarán na cidade a obra Roleta Mortis