DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A distinción é compartida coa súa homóloga de Santiago de Compostela

A Aula de Teatro Universitaria de Ourense recibirá o galardón de honra dos XXIII Premios María Casares

En recoñecemento ao seu labor como “auténticas canteiras para a escena profesional”

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Premios
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 27/02/2019

A xunta directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia fixo público este mércores a concesión ex aequo á Aula de Teatro Universitaria de Ourense e á Aula de Teatro da Universidade de Santiago do Premio de Honra Marisa Soto. O galardón será entregado durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que nesta vixésima terceira edición terá lugar no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 21 de marzo.

Con este galardón, indican en nota de prensa desde a asociación, “recoñécese o inxente labor destas dúas aulas de teatro, auténticas canteiras para a nosa escena profesional dende as súas respectivas fundacións a comezos dos anos 90 do pasado século”. Segundo apuntan desde a xunta directiva da entidade, “varias ducias de intérpretes que, hoxe por hoxe, soben aos nosos escenarios, deron os seus primeiros pasos nestas aulas universitarias. Non poderiamos entender o teatro do aquí e do agora sen o esforzo desenvolvido por estas dúas institucións”. Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia salientan ademais como estas dúas aulas “espertaron vocacións e cultivaron talentos ao longo de tres décadas, antes mesmo de que existise unha Escola Superior de Arte Dramática en Galicia, polo que merecen todo o noso aplauso, todo o noso agarimo e todo o noso respecto”. A entidade tamén pon o aceno no seu “gran traballo á hora de crear afeccionados, público e un tecido de interesantes iniciativas formativas ou de exhibición como son os diferentes festivais que se repiten cada ano”.  

Un premio compartido

Coñecida a concesión deste galardón, desde a Aula de Teatro Universitaria de Ourense quixeron agradecer un premio do que destacaron “é un pracer, ademais, compartilo coa Aula de Santiago e gustaríanos facelo extensible a todo o teatro universitario, ás aulas de Lugo e Vigo, que continúan co seu labor, e ás da Coruña, Pontevedra e Ferrol, que agardamos que retomen a súa actividade”. Este premio, recalcan desde a aula universitaria ourensá, “é para moitas e moitos docentes que pasaron pola aula, para as alumnas e alumnos que formaron parte dos seus cursos, dos seus ensaios, das súas montaxes, das súas vivencias. Para os que seguides no teatro e para os que sodes público fundamental. Tamén para as espectadoras e espectadores que nos acompañan desde hai case un cuarto de século na Miteu e desde hai 15 anos na Moti e para as compañías que deixaron a súa impronta nelas”.

Desde a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, dirixida por Fernando Dacosta, tamén fan fincapé no seu agradecemento ao campus de Ourense por apostar polo teatro universitario desde o ano 91 ininterrompidamente e ás administracións que fan que continúen as mostras que se organizan desde a aula. “Moitas son as cousas a mellorar, moitas as loitas que cada ano hai que ter para manterse. Oxalá sigamos aquí dentro doutros 30 anos, vós e nós, e poidamos seguir a aprender, a gozar e a crear co teatro universitario”, comentan desde a entidade.

Desde 1991

A Aula de Teatro Universitaria de Ourense, da Universidade de Vigo, naceu no campus de Ourense en 1991 baixo a dirección da compañía Sarabela Teatro. A súa directora fundadora foi Ánxeles Cuña, que lle pasou o relevo en 1995 a Fernando Dacosta, que continúa na actualidade á fronte da dirección. O profesorado da aula está conformado polos membros de Sarabela, aos que cada ano se suman conferenciantes e docentes externos. Dende a compañía e a aula organízanse a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu), pola que pasaron formacións de 40 países de cinco continentes en 23 edicións, e a Mostra de Teatro Infantil de Ourense (Moti), ademais de ciclos de conferencias, coloquios e accións teatrais.

Ao longo de cada curso académico, a aula estrutúrase en tres niveis formativos nos que poden participar tanto membros da comunidade universitaria como de fóra dela. O primeiro, de iniciación, responde ao nome de Rosaura e está dirixido por Sabela Gago; o segundo é Cordelia, dirixido por Fina Calleja, e o terceiro Maricastaña, grupo de nivel superior do que se encarga Dacosta e que xira cada ano por Galicia, Portugal e España. A eles únese unha sección infantil chamada Aula de Teatro Universitaria Geppetto, dirixida por Elena Seijo. Nestes anos, máis de 600 persoas pasaron pola Aula de Teatro Universitaria de Ourense e participaron nas súas montaxes a través dos seus diferentes niveis de formación. Ademais, intérpretes como Eva Fernández, Sergio Zearreta, Nate Borrajo, Alfonso Míguez, Aitor Rey, Teté García, Tito Asorey, Marta Doviro, Paloma Lugilde, membros de Trécola Teatro e A Run Run, ou técnicos como Celso Ferreiro deron os seus primeiros pasos artísticos nela.