DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mantéñense os grupos de Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Geppetto

As aulas de teatro do campus inician a súa formación con 50 alumnos e alumnas

A súa actividade adáptase ás esixencias sanitarias provocadas pola pandemia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 15/10/2020

As Aulas de Teatro Universitario de Ourense están xa en marcha coa participación de arredor de 50 alumnos e alumnas nos seus catro grupos, que son Rosaura, Cordelia, Maricastaña e Geppetto. A formación, que se enmarca na programación de obradoiros do extensión universitaria do campus de Ourense, corre a cargo un ano máis da compañía Sarabela Teatro, sendo Fernando Dacosta o seu director.

Desde a organización das aulas salientan a súa satisfacción xa que nesta edición “a pesar das circunstancias, haberá ao redor de 50 alumnos e alumnas entre os tres niveis da aula e a aula infantil”. Igualmente destacan o feito de que este curso académico se cumpren 30 anos da posta en marcha desta iniciativa cultural e universitaria. Un curso académico máis, subliñan, as Aulas de Teatro Universitario de Ourense xa se forman nas instalacións universitarias empregando as pertinentes medidas de prevención fronte ao coronavirus, como son o uso de máscaras, xeles e mantemento de distancia. Aínda co prazo de inscrición aberto ata o venres 16 de outubro, as e os participantes nesta actividade, lembran os seus responsables, formaranse ao longo do curso académico co aliciente de que, se as condicións da pandemia o permiten, actuarán nalgunha das principais mostras de teatro da cidade de Ourense ou incluso en diferentes puntos da xeografía estatal.

3+1

As aulas divídense en catro grupo. Así, está a aula Rosaura, aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada ás e aos que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para as e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Geppetto. O primeiro nivel, Rosaura, terá como docentes a Flor Figueroa e Sabela Gago e a través de diferentes cursos os seus membros afondarán no corpo en movemento, traballando a expresión e a imaxe individual e colectiva, e no adestramento actoral, afondando no “corpo en acción, pasando do universo persoal ao traballo grupal, dos centros expresivos ao feito artístico, da propia linguaxe ao desenvolvemento dramático”. Os froitos deste traballo poderán verse en abril cunha acción teatral de rúa.

O segundo nivel, Cordelia, terá como docentes a Sabela Gago e Fina Calleja. Nel afondarán no afianzamento das “ferramentas actorais necesarias para o achegamento ao escenario: control de enerxía, proxección vocal, presenza, precisión no movemento, conquista do espazo e relación co obxecto”. Igualmente traballarán “ao redor da palabra e das posibilidades expresivas do corpo para debuxar novas xeografías no espazo”. Neste caso, o traballo do grupo materializarase nunha montaxe de textos teatrais que se exhibirá tamén en abril ante o  público.

Maricastaña, o nivel tres, contará pola súa banda como docentes con Russo Nnandong, Sabela Gago e o propio Fernando Dacosta. O primeiro traballará co grupo a adaptación e o ritmo, buscando o seu equilibrio colectivo, e a segunda centrarase no movemento “para chegar a conseguir limpeza e rigorosidade na acción dramática”. Con Fernando Dacosta, esta aula desenvolverá a montaxe dunha obra con dramaturxia do propio Dacosta a partir da obra Crónicas marcianas, de Ray Bradbury. Seguindo a dinámica de anos anteriores, esta peza, que ten como título provisional Aínda que siga brillando a lúa, está previsto que se estree na Mostra de Teatro Universitario de Ourense para logo representarse por diferentes cidades.

Por último, a Aula de Teatro Infantil Geppetto, traballará arredor da peza Pippi, con dramaturxia de Elena Seijo, directora deste grupo, e inspirada na obra de Astrid Lingren Pippi Calzaslongas, coa idea de, seguindo a dinámica de anos anteriores, estreala na Mostra de Teatro Infantil de Ourense no Nadal. Arredor desta proposta, o grupo realizará o seu traballo actoral, afondando nas emocións, realizando improvisacións, construíndo personaxes e desenvolvendo as escenas coreográficas.