Mauro Domínguez formará parte da selección española e Yoel Becerra competirá con Uruguai
Das aulas da UVigo ao Mundial Universitario de Piragüismo
Disputarase do 17 ao 20 de agosto en Hungría
Deportistas de máis de 30 países reuniranse do 17 ao 20 de agosto na cidade húngara de Szeged para participar no Campionato do Mundo Universitario de Piragüismo, no que a Universidade de Vigo estará representada por seis estudantes, entre os que se atopan alumnos como Mauro Domínguez, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e integrante da selección coa que España acudirá a este torneo. Tamén competirá Yoel Becerra, alumno da Escola de Enxeñaría Industrial, quen representará ao Uruguai nesta competición organizada pola Federación Húngara de Piragüismo, xunto coa Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU).
Na procura dunha medalla
Membro do grupo de adestramento de kaiak sénior e sub23 da federación española, Mauro Domínguez combina a súa preparación no Centro de Alto Rendemento de Madrid e súa participación en competicións internacionais coa súa formación no Grao en Educación Primaria. “Faise moi duro, a verdade, porque comezo a adestrar ás oito da mañá, teño varias sesións de auga e o meu día non acaba ata despois das sete”, recoñece das dificultades de compaxinar as facetas de estudante universitario e deportista de alto nivel.
Esta dobre condición, non obstante, levarao en agosto ao seu segundo mundial universitario, despois de ter participado na súa anterior edición, que tivo lugar en 2024 en Portugal. “A verdade é que o nivel sorprendeume, non era o mesmo que o dun campionato do mundo, pero levaron xente moi boa”, lembra Domínguez Figueira da súa primeira presenza nesta competición da FISU, que ve como “unha experiencia máis, que está fóra dos obxectivos da tempada, pero que che permite competir internacionalmente”.
Nese senso, o mundial universitario suporá para este piragüista o peche a unha tempada na que os seus obxectivos centrais estaban no Campionato do Mundo e no europeo sub23. A primeira das citas tivo lugar na primeira semana de xullo, quedando Domínguez fóra das finais tanto no K-4 como no K-1 500 metros. A seguinte cita será o Campionato de Europa, que terá lugar do 23 a o 26 de xullo, precisamente, en Szeged, cidade á que retornará a comezos de agosto para pechar a tempada. “Gustaríame estar preto da medalla”, sinala respecto das súas expectativas no mundial universitario este deportista do Verducido Pontillón, que acumula xa no seu palmarés un título de campión de Europa júnior, no K-4 500, e varias medallas nos campionatos de España. Tras lograr o seu pase nunha das citas da Copa de España absoluta, rematando segundo na competición individual de kaiak na distancia de 1000 metros, Domínguez formará parte dos barcos de equipo que representarán a España nesta cita e está por determinar en que distancias remará o representante da UVigo, tanto no K-2 como no K-4. “Ao universitario accedín polo meu resultado no K-1 1000, pero os mellores resultados son en 500 metros, polo que aspiro a remar barcos de 500”, recoñece.
Do equipo que representará a España neste mundial, forman parte así mesmo as e os estudantes da UVigo Irene Lata, María Paraja, Carlos Gutier e Uxía Rodríguez.
Retorno á alta competición
Estudante do Grao en Enxeñaría Química Industrial, Yoel Becerra logrou en 2018 en Bos Aires a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos da Xuventude, converténdose no primeiro canoísta español en subir ao podio neste torneo. Por aquel entón, combinaba este deporte cos estudos de secundaria no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Mais, ao iniciar a súa etapa universitaria, “compaxinar estudos e adestramentos facíase un labor moi difícil, pola falta de tempo, recursos, distancia entre facultade e centro de adestramento...”, admite Becerra Bernárdez, o que levouno a permanecer uns anos “fóra da competición de alto nivel”.
“Case por unha casualidade, o ano pasado ofrecéronme a posibilidade de representar a Uruguai e, aínda que nun primeiro momento custoume moito decidir representar outro país que non fose España, finalmente tomei a decisión de facelo”, explica este deportista con dobre nacionalidade. Así, despois de retomar os adestramentos “de certo nivel”, a raíz da súa fichaxe polo Kayak Tudense, Becerra estreábase o pasado mes de maio como representante do Uruguai, na proba da Copa do Mundo disputada en Brandeburgo e volverá facelo no mundial universitario de Hungría. “Para min, participar nun mundial universitario supón unha oportunidade especial de poder medirme con deportistas que se atopan na miña mesma situación”, salienta desa necesidade de combinar o piragüismo con estudos ou traballo. No seu caso, de feito, implicou mesmo asumir persoalmente os gastos da súa participación nesta competición, xa que “en Uruguai, o financiamento é escaso”, recoñece.
No torneo de Hungría, Becerra tomará parte nas competicións individuais de canoa de 500 e 1000 metros. “Gustaríame ser ambicioso, pero descoñezo o nivel de participación que terá o evento, os deportistas que acudirán de cada país...”, sinala este estudante da Escola de Enxeñaría Industrial, para quen o reto sería “pelexar por entrar nas finais” deste mundial universitario. “Gustaríame ver que nivel podería alcanzar”, engade Becerra, que pechará a súa tempada competindo nos Xogos Suramericanos, que se disputarán en setembro na Arxentina e que afronta “con especial ilusión, xa que poderei pasar por Uruguai e ver a miña familia de alá”.
