DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O club contará con arredor de 50 xogadores e xogadoras

O Auriense FG afronta unha nova tempada co reto de seguir medrando “no deportivo e no social”

Entre as súas prioridades estarán consolidar a escola universitaria e crear canteira

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 26/09/2018

En plena semana de promoción e captación de novos membros e coa vista posta no inicio da Liga Galega de Fútbol Gaélico a fin de semana, o Auriense FG afronta a tempada 2018/2019, a cuarta desde o seu nacemento, co reto de seguir medrando en participación e calidade de xogo e apostando pola combinación de actividade deportiva e social.

Esta tempada, o club, que ten un equipo masculino e outro feminino competindo na Liga Galega, conta cun número aproximado de 50 xogadores e xogadoras, das e dos que practicamente o 80% renovan da tempada anterior. Co inicio do curso académico ábrese de novo a matrícula na escola deportiva de fútbol gaélico que o club desenvolve coa Universidade de Vigo no campus de Ourense. “Hai que ter en conta que aínda non comezou a traballar a escola deportiva, da que agardamos ter boa acollida e que sume máis efectivos polo menos nos adestramentos”, sinalan desde o equipo ourensán.

Intentar crear un terceiro equipo

Sobre o enfoque desta nova etapa, Millán Brea comenta en nome do club como o piar do seu traballo, e máxima prioridade á hora de organizar a tempada, é unha vez máis “o aspecto deportivo e social e non o de resultados”. Durante este curso, detalla, “os esforzos centraranse en consolidar e primeira (e única) escola universitaria de fútbol gaélico de Galicia e, tratar de crear canteira e formar un grupo de rapazas e rapaces de entre 14 e 17 anos para poder xogar amigables con outros clubs galegos que tamén apostan pola base como clave no crecemento do deporte na nosa terra”. Dous retos importantes, recalca, que poden desembocar nun terceiro obxectivo “que será a configuración dun novo equipo que compita a vindeira tempada representando á nosa provincia”. Trataríase dun filial do Auriense “que favoreza a entrada de novas e novos xogadores e que dea continuidade ao proxecto”, segundo explican desde o equipo.

Polo que respecta ao aspecto deportivo, desde o Auriense FG comentan que o formato en liga masculina, a partir desta tempada nove contra nove en campo grande, “é moi ilusionante para o noso equipo”, salientando como buscarán “unha boa clasificación durante a primeira volta da liga (con 14 equipos), para poder disputar nunha segunda volta o título cos mellores equipos”. Polo que atinxe á categoría feminina, engaden, “o obxectivo será como en tempadas anteriores pelexar polos primeiros postos”. Como parte do fútbol gaélico galego, desde o club ourensán subliñan ademais como “segue medrando en Galicia non só en número de fichas, senón tamén en calidade, sendo na actualidade campioas de Europa en feminino e subcampións en masculino, cun obxectivo no verán de 2019: o mundial e Dublín, onde partiremos como favoritos para os títulos en ambas categorías”.

Afección e novos membros

Co obxectivo de dar a coñecer o fútbol gaélico, de crear afección e de captar novos membros para o club, desde o Auriense Gaels (nome que agrupa ao Auriense masculino e feminino así como o equipo mixto Afiadoras), están a desenvolver as IV Xornadas de Fútbol Gaélico cun amplo programa de actividades, que abrangue desde mesas informativas e adestramentos abertos ata xogos, sorteos e unha mesa redonda sobre a perspectiva de xénero neste deporte. No marco destas actividades promocionais tamén visitaron a Vicerrreitoría do Campus de Ourense para facer entrega á vicerreitora, Esther de Blas, dunha camiseta do club.