DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poden consultarse millón e medio de ofertas

O autobús Eures visita o campus para informar aos estudantes sobre emprego en Europa

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 26/09/2007
D. Besadío |Vigo
Preto de un millón e medio de oportunidades de emprego para toda Europa. Está é a oferta coa que se atopan as persoas que estes días visitan o “Eures Tour”, un autobús da Consellería de Traballo que este mércores se achegou ao campus de Vigo a modo de oficina itinerante para informar aos estudantes das oportunidades de emprego máis aló das nosas fronteiras.
A bordo do autobús tres conselleiras Eures asesoran os que soben buscando información. “As ofertas Eures danche a oportunidade de buscar traballo en Europa, sen desprazarte de aquí. Tes que ter en conta que podes consultar as ofertas do servizo de emprego de cada país integrante da rede”, sinala Teresa González Ventín, coordinadora do Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.
“Non é unha acollida masiva, pero atendemos unha media de 20 persoas diarias”, sinala González Ventín, que fai fincapé en que cada unha destas visitas supón un labor importante de asesoramento sobre o que é a rede Eures e como manexarse no seu portal para atopar a oferta que mellor se adapta a cada perfil. Ademais este portal da a oportunidade aos interesados de introducir o seu currículo e recibir no seu correo electrónico as ofertas que se adaptan a el, entre outras vantaxes.

Mozos con gañas de aprender idiomas

Aínda que non se pode falar dun perfil predeterminado do visitante do autobús, o máis habitual é “mozos de entre 20 e 30 anos con algunha cualificación que están interesados en ter experiencia de traballo no estranxeiro. Ademais, hai moitos recen titulados que buscan emprego no estranxeiro sobre todo polo desexo de mellorar o seu nivel de idiomas”, comenta González Ventín.

Busca activa de emprego

Emilia Seoane, conselleira Eures na Universidade, destacou a importancia de dar a coñecer esta ferramenta entre os estudantes. Para Seoane, “é fundamental que os nosos estudantes saiban que poden contar con este recurso e, unha vez que o coñezan, son eles os que levan a cabo unha busca activa de emprego. Despois, se finalmente, se deciden por algunha oferta tamén os asesoramos sobre os trámites e condicións particulares desa en concreto, por exemplo, dende temas de vivenda a homologación de títulos”.
O Eures Tour é unha iniciativa que se enmarca nos “Días do Traballo Europeo” que esta semana se celebra en 27 países da UE para fomentar a mobilidade dos traballadores en Europa.
O Tour iniciou percorrido o luns na Praza da Estrela e ata o venres estará, ademais de en Vigo, en Porriño, Tui, Verín, Valença, Vilanova de Cerveira, Chaves e Oporto, onde se clausurará.