DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres no Centro Social Caixanova

Autónomos e empregados públicos poderán coñecer os detalles dos estatutos que regulan a súa actividade

A Asociación Xustiza e Igualdade Galega organiza unha xornada sobre o tema

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 20/02/2008
O Estatuto do Traballador Autónomo e o Estatuto Básico do Empregado Público serán os protagonistas dunha xornada que a Asociación Xustiza e Sociedade Galega, centrada na defensa dos dereitos civís e humanos en Galicia, vai desenvolver este venres co obxectivo de facer unha análise sobre os pormenores e implicacións sociais das novas leis, entradas en vigor no 2007. Trátase de “dous grandes temas que hoxe en día están de actualidade no ámbito das relacións do traballo”, tal como afirma o catedrático Jaime Cabeza, docente do Departamento de Dereito Público Especial e organizador do seminario xunto co profesor Matías Movilla.
Os relatores invitados son Jesús Cruz Villalón, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Sevilla e Cristóbal Molina Navarrete, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Jaén. O primeiro centrará a súa exposición no Estatuto do Traballador Autónomo, que concede dereitos a esta forma de desempeño laboral e “crea a figura do traballador autónomo economicamente dependente (TRADE), que sen dúbida vai crear importantes debates xurídicos”, segundo palabras de Cabeza.
Pola súa banda, Cristóbal Molina será o responsable de aportar información sobre os detalles do Estatuto do Empregado Público, “a normativa máis importante do 2007 xunto coa Lei de Igualdade”, tal como apunta o organizador, que engade que se trata dunha “norma complexa na medida en que abrangue, no seu eido de aplicación, a persoal funcionario e laboral. Ademais require un desenvolvemento lexislativo por parte das diversas comunidades autónomas”.
A actividade, que se desenvolverá no auditorio do Centro Social Caixanova a partir das 16.00 horas, é gratuíta para os asistentes e conta co patrocinio da Consellería de Traballo e da Consellería da Presidencia.