DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Á espera da resolución final, a comisión emitiu un informe provisorio positivo 

Avaliadores e avaliadoras da Comisión Europea visitaron a UVigo para valorar a renovación do Selo 'HR Excellence in research'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • HRS4R
  • Visitas
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 31/03/2023

Seis anos despois da súa posta en marcha na Universidade de Vigo, o Programa HRS4R Human Resources Strategy for Researches, que ten o obxectivo a implantación da estratexia e os principios da Carta Europea do Investigador e o Código de Conduta para a contratación de persoal investigador, entra na fase final do seu primeiro ciclo de implantación. A fase de avaliación final comezou en setembro de 2022, coa presentación do informe de auto-avaliación 2017-2022, no que se recollen os fitos e os resultados máis relevantes da implantación, así como a estratexia e o novo plan de acción 2022-2025,  e logo de realizar un simulacro de avaliación en novembro de 2022, avaliadores e avaliadoras da Comisión Europea desprazábanse nas últimas horas á UVigo para realizar unha valoración in situ. O equipo reitoral (HR Steering Committee), o grupo de traballo (HR Working Group) con representantes das áreas e servizos implicados nas principais liñas de acción, e persoal investigador representante de todas as categorías da carreira investigadora R1 a R4  (predoutorais, postdoutorais, investigadores consolidados e investigadores líderes) participaron nas sesións, nas que se presentaron e debateron as principais temáticas relacionadas coa investigación, a innovación e a transferencia nas que se está a traballar.

A falta do informe final, que chegará nunha semanas, as e os integrantes da comisión, tres persoas externas á universidade, provenientes de entidades de investigación da Unión Europea (neste caso, de Italia, Romanía e Grecia), avanzaron o resultado positivo global da avaliación, destacando a calidade das presentacións e da documentación, a aliñación do programa co Plan Estratéxico e a implicación do equipo reitoral, así como a capacidade da UVigo para adaptarse aos cambios lexislativos. Pola súa banda, as recomendacións de mellora van orientadas a incrementar a visibilidade do programa e a potenciar a comunicación e a participación do persoal das áreas implicadas e, en particular, do persoal investigador. 

“Temos un informe provisorio positivo, aprobamos, pero hai algunhas cousas que hai que tomar nota e teñen que ver cun certo desapego da comunidade universitaria polos asuntos xerais. Os avaliadores dixeron que é impresionante que por parte da UVigo se achegan todas as cousas que se puxeron en marcha, a calidade da nosa investigación, o potente que é a UVigo, pero falta que a comunidade investigadora teña máis agarimo con respecto a isto”, destaca o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que lembra que a seguinte avaliación terá lugar en tres anos de xeito non presencial. Para Reigosa “é un día de ledicia porque temos esta avaliación, pero hai moito traballo aínda por facer, tanto na nosa captación de persoal, como nese agarimo que esperamos que teñan os investigadores coa institución á que pertencen”, destaca o reitor, que agradece o traballo e a implicación de todas as persoas da UVigo que participaron neste proceso.

Renovación do selo HR e novo ciclo do programa

No momento no que se dispoña do informe definitivo, a UVigo renovará a acreditación do Selo HR e o Programa HRS4R entrará nun novo ciclo de mellora, durante un período de tres anos, ata 2026, momento en que terá lugar unha nova avaliación presencial. Ata entón, o plan de acción e a estratexia HR terán como obxectivo fundamental “seguir implantando os estándares europeos de investigación da Carta e o Código, de forma que a UVigo sexa cada vez máis considerada e mellor posicionada como un referente para captar e manter talento investigador que permita obter proxectos e resultados de investigación relevantes”, detalla a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio.