DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor mantivo unha reunión institucional co secretario xeral do PSdG

Avellentamento do PDI, internacionalización e política de bolsas centran o encontro entre Reigosa e Caballero

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 17/07/2018

Manuel Reigosa mantivo este mediodía un encontro institucional no seu despacho co secretario xeral do PSdG, Gonzalo Caballero, no que ambos abordaron a situación na que se atopa a Universidade de Vigo e o Sistema Universitario de Galicia. “Recibimos con pracer a Gonzalo Caballero, que ademais da súa responsabilidade política é un compañeiro da nosa universidade, para facerlle chegar unha serie de inquedanzas da Universidade de Vigo, que algunhas delas penso que son compartidas por todo o Sistema Universitario Galego e parécenos importante que estea informado de primeira man”, sinalou o reitor, que agradeceu a visita do secretario xeral do PSdG.

Caballero, que se referiu a Reigosa como “o reitor da miña universidade e o meu reitor”, lembrou que segue a desempeñar as súas tarefas de docencia e investigación na institución académica viguesa “e polo tanto é parte da miña vida persoal e laboral”. O secretario xeral do PSdG citou dúas cuestións relacionadas co ámbito universitario que neste intre preocupan de xeito especial aos socialistas galegos e que considera precisan da intervención da Xunta: o avellentamento que sofre o profesorado e o persoal investigador e a necesidade dunha maior internacionalización, ao tempo que destacou o compromiso do Goberno de España, presidido por Pedro Sánchez, coa universidade pública e a súa decisión de incrementar a contía das bolsas do alumnado con menores recursos económicos.

Renovación do PDI,  internacionalización e bolsas

Caballero considera que na universidade galega “hai unha fenda de idade que é moi preocupante, porque dificulta a chegada de novas ideas, pensamentos e novos proxectos de investigación e a Xunta ten que cumprir cun novo reto que é conseguir a entrada de novos profesionais universitarios en investigación e docencia de idades máis novas”. O secretario xeral do PSdG demanda que a universidade galega conte co apoio do goberno autonómico para desenvolver un novo plan de captación de talento en investigación e docencia que permita a incorporación de novas e novos profesionais universitarios “que poidan nutrir ás institucións académicas de valor engadido”, asegurou Caballero.

O secretario xeral do PSdG, tras lembrar que esta fora unha cuestión que Reigosa levara no seu programa electoral, tamén puxo o acento na necesidade de acadar unha maior internacionalización do alumnado da universidade para enriquecer a propia institución e tamén “á sociedade galega que ten necesidade de pulo demográfico”. Para acadar este obxectivo, Caballero considera que a Xunta ten que intensificar a política exterior, en especial con América do Sur, favorecendo a chegada ás universidades galegas do alumnado procedente deses países.

Para rematar, Caballero destacou “o compromiso claro do Goberno que preside Pedro Sánchez coa universidade pública, porque é algo fundamental para dar igualdade de oportunidades aos cidadáns”. Neste sentido incidiu na decisión do executivo central de aumentar a contía das bolsas do alumnado con menores recursos económicos para así “potenciar o acceso á universidade para todas e todos os cidadáns con independencia dos seus recursos económicos”, sinalou Gonzalo Caballero.