DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadoras do campus participaron nunha sesión divulgativa na Aula de Natureza de Oira

A avespa velutina tamén é cousa de nenos e nenas

Con ela pechouse a campaña de charlas na cidade de Stop Velutina

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Transferencia
DUVI Ourense 04/07/2018

A Aula da Natureza de Oira acolleu este mércores unha actividade didáctica destinada a nenos e nenas sobre a avespa velutina. Nela, investigadoras do campus de Ourense compartiron cos cativos e cativas unha sesión na que tiveron a oportunidade de explicarlle as características desta especie e dos seus niños e incluso como actuar ante a súa presencia. 

A actividade arrancou cunha visita de Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e dos concelleiros Belén Iglesias e Carlos Campos. A iniciativa, explicouse durante a súa celebración, pecha a campaña Stop Velutina desenvolvida desde o pasado 9 de abril e posta en marcha polo Concello de Ourense coa participación de investigadoras do campus de Ourense, bombeiros e apicultores para ofrecer información á cidadanía sobre como actuar e a quen deben avisar cando se atopan un niño de avespa asiática. 

Divulgación para diferentes públicos

A implicación da Universidade de Vigo nesta iniciativa consistiu na participación das investigadoras da liña de apicultura do Grupo de Investigación Solo, Planta e Valorización de Subproduto, liña coordinada pola profesora María del Carmen Seijo e da que forman parte Olga Escuredo e María Shantal Rodríguez. Este equipo investiga arredor da dispersión desta especie invasora, das características dos seus niños, do comportamento da avespa, da influencia das condicións ambientais no seu ciclo de vida e expansión e das fórmulas de trampeo, temas sobre os que informaron de xeito divulgativo nas charlas de Stop Velutina.

“A de hoxe foi unha actividade diferente, pois tivo un carácter moi divulgativo e enfocado a un público moi concreto, o infantil. Durante a sesión explicámoslle aos nenos e nenas que é esta avespa, que a caracteriza e que a diferencia doutras; ensinámoslle os seus niños e deixámoslle tocalos e traballamos diferentes aspectos desta especie”, explica María Shantal Rodríguez. Dado os bos resultados acadados, a investigadora sinala o desexo do seu grupo de que froito desta actividade se elabore unha unidade didáctica que poida ser de interese para este tipo de público infantil.

María Shantal Rodríguez foi a encargada de impartir boa parte das charlas ofrecidas por Stop Velutina nos centros socioculturais da cidade, destacando neste peche “os bos resultados de participación que acadamos”. Así, sobre esta boa acollida subliña  tanto o feito de que todas as sesión cubriron as prazas dispoñibles como o interese amosado polos participantes nesas actividades. Unha media de 25 persoas acudiu a cada unha das conferencias realizadas en diferentes asociacións de veciños da cidade.