DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove estudantes desenvolven actividades para dar a coñecer os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible

Axentes do Cambio comezan a concienciar a comunidade universitaria sobre a Axenda 2030

Tamén queren coñecer a demanda de menús vexetariano e veganos e as opinións sobre a compostaxe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 14/04/2021

As e os Axentes do Cambio comezan o seu labor de concienciación sobre a Axenda 2030 nos campus. E fano dando a coñecer este compromiso internacional asinado polos países membros da ONU para facer fronte aos retos sociais, económicos e ambientais da globalización, poñendo no centro as persoas, o planeta, a prosperidade e a paz. As e os Axentes de Cambio son un grupo de nove estudantes que, tras recibir formación específica durante o mes de febreiro, están xa desenvolvendo unha campaña informativa e de sensibilización. O programa divulgativo proposto por elas e eles mesmos comprende entrevistas co profesorado da Universidade de Vigo que traballa en materias relacionadas coa Axenda 2030, intervencións creativas, enquisas á comunidade universitaria, etc. As persoas voluntarias comezaron as súas actividades en marzo e durante o mes de abril están a realizar as actividades de divulgación. Cada semana desenvolven unha intervención virtual como activistas e divulgadores da Axenda 2030, toda unha serie de propostas que se poden coñecer a través da páxina da Área de Responsabilidade Social e Cooperación.

Nove mozas e mozos

O grupo de voluntarios está formado por nove estudantes (oito mulleres e un home) dos tres campus da Universidade de Vigo. Representan, ademais, todos os eidos do coñecemento, xa que entre eles hai estudantes, por exemplo, do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible ou os graos en Tradución e Interpretación, Ciencias Ambientais, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Comercio, Bioloxía, Educación Social ou Enxeñaría Forestal. Defínense como “un grupo de persoas pertencentes aos distintos campus da Universidade de Vigo con preocupacións comúns: a perda da biodiversidade, a contaminación, a desigualdade, a emerxencia climática, a xustiza social… Estas problemáticas están presentes no noso día a día e é por isto que puxemos en marcha esta iniciativa de concienciación e cambio. Somos conscientes de que avanzamos cara unha situación límite e que é preciso mudar as cousas para garantirmos un futuro xusto e sostible. Na Axenda 2030 atopamos un camiño para facer isto posible”. Así, a través desta e doutras iniciativas, a Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible estanse a consolidar como un eixo fundamental do traballo da Universidade de Vigo no eido da responsabilidade social. 

Compromiso e creatividade

Esta é a segunda edición do programa de voluntariado de Axentes do Cambio. A pasada edición, en febreiro de 2020, puido celebrarse de xeito presencial e tanto para os que participaron daquela como para os que o están a facer agora, a directora da Área de Responsabilidade Social e Cooperación, Henar Quintas, só ten palabras de agradecemento. “Ademais do compromiso persoal das e dos axentes coa Axenda 2030” destaca “a creatividade coa que se enfrontan a este reto, cuxas actividades, ademais, son froito dun proceso participativo”. Tamén pon en valor o “traballo en equipo que están a facer nun grupo multidisciplinar onde as alumnas e o alumno voluntario compleméntanse á perfección, aproveitando os coñecementos de cada un deles para levar a cabo cada unha das accións”.

Entre as actividades que deseñaron para estes meses está a creación de murais informativos sobre temáticas relacionadas cos ODS nas diferentes facultades e unha campaña de sensibilización a través de contidos dixitais dirixida á comunidade universitaria. Tamén traballarán para coñecer o grao de demanda de opcións vexetarianas e veganas nos campus da Universidade de Vigo e a opinión da comunidade universitaria sobre a compostaxe.

Cursos de formación

Dende a Área de Responsabilidade Social e Cooperación, ademais desta iniciativa de Axentes do Cambio, tamén se puxeron en marcha outras iniciativas relacionadas cos ODS. Por exemplo, un curso dirixido ao alumnado co fin de promover e dar unhas pautas xerais para a realización dos seus traballos fin de grao ou traballos fin de mestrado centrados na Axenda 2030 e na cooperación. Outra iniciativa, tamén formativa e para o estudantado, apostou pola concienciación sobre a importancia do desenvolvemento sostible. Ademais, xa na primeira semana de maio está previsto que se celebre un obradoiro dirixido ao PDI que incidirá  na transversalización dos ODS da Axenda 2030 na docencia e na investigación. Estes cursos enmárcanse nas actividades financiadas pola Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento durante o ano 2021.