DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abordan temas como a represión franquista, a escola rural ou as propiedades das augas termais

As axudas Inou financian seis proxectos de investigación interdisciplinar

A convocatoria da Universidade e a Deputación de Ourense está dotada con 47.100 euros

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 08/06/2021

A valorización social e patrimonialización das experiencias represivas no franquismo; a mellora das propiedades antimicrobianas das augas termais para a aplicación dermatolóxica; a detección automática de momentos de risco alérxico; a evolución histórica do uso dos videoxogos e a súa relación nos hábitos e estilos de vida adolescente; o mercado de aloxamento turístico e os colexios rurais agrupados. Estas son as temáticas que abordan os seis proxectos interdisciplinares que financiará este ano a convocatoria de Axudas a Grupos de Investigación do Campus de Ourense Inou 2021.

Dotada en total con 47.100 euros, esta iniciativa da Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense está destinada a apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade, así como á especialización do Campus de Ourense-Campus da Auga. Ao mesmo tempo quere impulsar a interacción entre grupos de investigación deste campus dos diferentes ámbitos de coñecemento e apoiar a posta en marcha de proxectos do persoal investigador a tempo completo máis novo da institución académica.

Diversidade temática

O proxecto máis interdisciplinar financiado pola convocatoria leva por título Os nomes e os lugares. Valorización social e patrimonialización das experiencias represivas na provincia de Ourense. Coordinado desde a Facultade de Historia por Domingo Rodríguez Teijeiro, conta con tres liñas de traballo. Unha primeira, a cargo do propio responsable da iniciativa, centrarase “nas outras modalidades represivas do franquismo, concretamente no espolio económico dos vencidos”. A segunda terá como obxectivo a posta en valor dos lugares da represión franquista e será coordinada desde a Facultade de Educación e Traballo Social por David Casado e a terceira consistirá na elaboración dunha base de datos e interfaces para o proxecto por parte do profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática Baltasar García.

Desde a Facultade de Educación e Traballo Social chega un proxecto titulado Evolución histórica do uso dos videoxogos e a súa relación nos hábitos e estilos de vida dos e das adolescentes de Ourense, coordinado polo profesor Manuel Isorna. El será o encargado de realizar a avaliación do uso dos videoxogos e a súa relación nos hábitos e estilos de vida dos e das adolescentes de Ourense e Francisco Javier Pérez, da Facultade de Historia, de abordar a evolución histórica da implantación dos videoxogos na sociedade ourensá dende os anos 80 ata a actualidade. Tamén desde Educación e Traballo Social, a profesora Manuela Raposo liderará o proxecto Facer visible o invisible: un estudo sobre os colexios rurais agrupados (CRA) da provincia de Ourense. Nel, a docente levará a cabo un achegamento ás prácticas educativas e necesidades destes centros e Sonia Alfonso afondará no impacto de variables contextuais, metodolóxicas e persoais na aprendizaxe das e dos seus escolares.

Dúas son tamén as propostas xurdidas desde a Facultade de Ciencias. A primeira, liderada por Noelia Flórez, abordará a mellora das propiedades antimicrobianas das augas termais con micropartículas bioactivas para aplicación dermatolóxica. Esta investigadora será a encargada do desenvolvemento de sistemas particulados baseados no emprego de extractos naturais e augas termais e Alicia Pérez, do mesmo centro, ocuparase da extracción de compostos de antimicrobianosa a partir de residuos oleícolas mediante hidrodestilación. Desde a mesma facultade, María Fernández coordinará un proxecto de detección automática de momentos de risco alérxico da poboación ourensá, no que ela se encargará da avaliación da carga alerxénica da atmosfera da cidade de Ourense e Rosalía Laza, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, de desenvolver modelos híbridos de intelixencia artificial para a predición de distintas concentracións de pole nesta cidade.

Por último, a análise do mercado de aloxamento turístico da provincia ourensá “na era do turismo dixital e das plataformas P2P” é outra das iniciativas elixidas. Nela, o seu coordinador, o profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo Pablo de Carlos, centrarase nas alternativas de aloxamento turístico, realizando unha análise da evolución da oferta e dos novos patróns de conduta da demanda nun contexto de irrupción do fenómeno das vivendas turísticas e de uso turístico. Pola súa banda, Ana Pérez, do mesmo centro, realizará neste proxecto unha análise estatística do mercado de aloxamento turístico dende “unha nova perspectiva: a análise de datos composicionais”.