DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Adolfo Cordero é un dos oito entomólogos que desenvolveu esta proposta

'Azulillos', 'gaiteros' ou 'emperadores'... Un investigador da UVigo participa na elaboración da primeira lista de nomes comúns para as libélulas de España

Recolle denominacións para as 87 especies existentes no país

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 10/01/2025

Aínda que no conxunto de España existen numerosos nomes populares para denominar as libélulas, como cabaliños do demo, pastores ou candís, todos estes termos fan referencia ao conxunto dos odonatos ou as súas dúas subordes, anisópteros e zigópteros. A ausencia de nomes que, máis aló da súa denominación científica, permitan identificar as diferentes especies motivou que un grupo de oito entomólogos, entre os que se atopa o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Adolfo Cordero, traballase nos últimos dous anos na primeira proposta de nomes comúns para todas as especies de libélulas existentes en España. Azulillos, gaiteros, emperadores ou esmeraldas son algunhas das denominacións propostas por este grupo para os diferentes xéneros, aos que logo se engade unha segunda verba para identificar especies concretas, como, por exemplo, azulillo de Graells, nome outorgado a unha das libélulas máis comúns no país, a Ischnura graellsii

“Podemos dicir que aquilo que non ten nome non se pode valorar”, sinala Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación). Esta listaxe de termos, que engloba as 87 especies de libélulas presentes tanto na España peninsular, como en Canarias, Baleares, Ceuta e Melilla, foi publicada no Boletín de la Sociedad Entomológica Aragonesa. “Pretende ser unha proposta elaborada desde un punto de vista pedagóxico e realizada da forma máis consensuada posible”, sinalan os responsables desta listaxe, coa que buscan contribuír ao coñecemento das diferentes especies, tendo en conta, como sinalan, “o avance nos últimos anos da observación de odonatos por parte de afeccionados”. Dirixida a contribuír tanto á educación ambiental, como á conservación das especies, esta listaxe foi elaborada por Florent Prunier, da Red de Observadores de Libélulas en Andalucía; Adrià Miralles, do Servei de Fauna i Flora da Generalitat catalá; Carlos Zaldívar, do Instituto de Estudios Riojanos; Martiño Cabana, da Universidade da Coruña; Antonio Torralba, da Universidad de Oviedo; Pere Luque, do Museo de les Terres de l´Ebre; e Ludovico Vega, da Sociedad Española de Ornitología, ademais de polo catedrático do campus pontevedrés.

Denominacións con dúas verbas

Pensada para o seu uso en obras divulgativas, esta listaxe parte á súa vez de “propostas previas, nas que xa colaboráramos algúns de nós”, sinala Cordero. O catedrático da EE Forestal foi de feito un dos autores da proposta de nomes populares en galego para odonatos, publicada en 2011. “A nosa idea é ir empregando estes nomes noutros documentos, para irlles dando difusión”, sinala, así como tamén que sirva para a lista vermella de especies ameazadas da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza), na que as especies de libélulas carecen dun nome vernáculo en castelán.

Apoiándose “na tradición, cando procede” e tendo en conta os nomes comúns xa publicados noutras linguas, este grupo de expertos buscou denominacións que ofrecesen “unha oportunidade para engadir información sobre a especie”. Optaron por unha relación de “nomes binómicos”, cun primeiro termo xenérico e un epíteto que identifica cada especie. Este esquema deu lugar a denominacións como vigilante escarlata (Crocothemis Erythraea), gaitero cobrizo (Calopteryx haemorrhoidalis), azulillo elegante (Ischnura elegans) ou esmeralda metálica (Somatochlora metallica).

O obxectivo era que esta serie de nomes comúns aludise principalmente “a características morfolóxicas dos insectos adultos”, evitando facer referencia “á rareza da especie”, que varía entre territorios, así como ás connotacións negativas dalgúns nomes vernáculos. De feito, propoñen empregar o termo libélulas tanto para o conxunto dos odonatos como para a suborde dos anisópteros, mentres que para os zigópteros decantáronse por caballitos de agua, en lugar de por cabaliños do demo. Esta última, lembran, é a forma “máis estendida”, especialmente no norte da península, mais apostaron por “voces máis amables”, tanto “para quitar un sentido negativo herdado de supersticións”, como para “subliñar os valores ambientais e a ecoloxía do grupo”.

Partindo desas dúas subordes, propuxeron un conxunto de nomes que identifican un ou varios xéneros, como gaiteros (Calopteryx), unha das familias máis comúns en España, da que forman parte especies como o gaitero añil (C. virgo) ou o gaitero occidental (C. xanthostoma); patiblancos, do xénero Plactycnemis, ou azulados, termo no que insiren os xéneros Coenagrion, Enallgama e Erythromma.

No caso dos anisópteros, a proposta abrangue termos como emperadores, para as especies dos xéneros Brachytron ou Anax, tamén comúns en España, con especies como o emperador azul (A. imperator) ou o emperador errante (A. ephippiger). A estas súmanse outras como esnas (Aeshna); candiles, dos xéneros Gomphus, Onychogomphus e Paragomphus; ou esmeraldas, que integran os xéneros Cordulia e Somatochlora; ou a que é quizais “a especie máis emblemática da fauna española”, a Macromia splendens, para a que se propón o nome de Macromia espléndida, unha castelanización do nome científico.