DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun obradoiro de iniciación, impartido pola integrante de Leilía Montse Rivera

O baile tradicional faise un oco na programación cultural do campus

O obxectivo é que sexa o primeiro paso para a creación dun grupo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Cursos
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 29/05/2023

Como bailar nun serán. Ese é o título do obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego que, ao longo deste cuadrimestre, permitiu ás 18 persoas que cubriron as prazas ofertadas na primeira edición desta actividade un primeiro achegamento aos principais ritmos soltos e agarrados, como a muiñeira, a xota, o pasodobre e o valse. Inserido na programación cultural da Vicerreitoría do campus, este taller de 30 horas ten como docente á mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante do grupo de pandeireteiras Leilía. “A maior parte das persoas comezaron de cero”, recoñece a responsable deste obradoiro de iniciación, que finalizará no mes de xuño e que ten como obxectivo que as e os participantes adquiran “uns coñecementos base” dos principais ritmos do baile tradicional, “para que poidan chegar a unha foliada e ser capaces de integrarse e incluso botar un punto”. Non obstante, como sinalara o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, trátase tamén da primeira edición dunha iniciativa “á que buscamos dar continuidade”, de tal xeito que poida, no futuro, dar lugar á creación dun “grupo estable” de baile no campus.

Deste xeito, esta iniciativa busca complementar outras propostas postas en marcha no campus como a Aula Permanente de Música Tradicional Galega, que tamén iniciou a súa andaina como obradoiro e que rematou facendo posible a creación dun grupo musical que ten protagonizado xa múltiples actuacións, tanto dentro como fóra da Universidade. “As pedras vanse poñendo pouco a pouco e a onde poidamos chegar vai depender de como o acolla a xente, pero, polas ganas que vexo, eu penso que ten futuro e que podemos chegar lonxe”, recoñece nesa mesma liña Rivera, sen esquecer, non obstante, “que non hai que correr cando non sabes andar”.

Dos pasos base ao patrimonio cultural

As clases que desde o mes de febreiro teñen lugar nas tardes dos xoves, céntranse en que as e os participantes poidan, en primeiro termo, tanto aprender os “pasos base” dos principais ritmos do baile tradicional, como “as regras que rexen a súa combinación para convertelos en puntos”. Ao mesmo tempo, como apunta Rivera, o taller busca ir máis aló da práctica do baile como unha actividade física, para pór o foco “en todo o que hai detrás”, xa que, engade, “tras os bailes hai unha cultura e un xeito de entender a vida”. Nese senso, a práctica dos diferentes ritmos viuse complementada por diferentes sesións centradas na proxección dunha serie de vídeos que permitiron afondar nas orixes e historia dos diferentes ritmos, así como no que estes poden “compartir con outras culturas”, sinala Rivera. Deste xeito, a través dunha serie de vídeos que son o resultado duns traballos de recollida realizados dende a década de 1980, o taller permite tamén achegarse ao labor de investigación etnográfica desenvolvido por Rivera ao longo dos anos.