DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a inscrición na terceira edición do obradoiro ‘Como bailar nun serán’

O baile tradicional galego busca consolidarse no campus

O obxectivo é sumar a este taller á posta en marcha dun grupo estable

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 24/09/2024

Como bailar nun serán é o título do obradoiro de iniciación ao baile tradicional galego que a Vicerreitoría do campus promove, coa colaboración do Concello de Pontevedra, por terceiro curso consecutivo. Impartido pola mestra de baile, pandeireta e canto tradicional Montse Rivera, integrante do grupo Leilía, este martes abría a inscrición para o primeiro cuadrimestre nunha actividade que contará cun grupo de iniciación e outro de continuación. “Aprender o imprescindible para poder participar de maneira activa e divertida nunha foliada” e contribuír á práctica dun “exercicio físico aeróbico” como o baile constitúen os dous obxectivos centrais dunha iniciativa que, como sinala o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, este curso verase complementada pola creación dun “grupo estable” de baile tradicional no campus.

Aínda que o alumnado das anteriores edicións participou xa en diferentes actuacións xunto coa Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus, o obxectivo deste curso, que conta con 30 prazas, é “aprender a bailar” ritmos como a muiñeira, a xota, o pasodobre e o valse. Nese senso, aínda que as e os participantes neste curso “van seguir participando” en actuacións, explica Torres, a idea é complementar esta actividade coa posta en marcha dun grupo “que funcione de xeito independente”, do mesmo xeito que o grupo de música tradicional creado o pasado curso.

Tres prazos de inscrición

Co obxectivo de dar continuidade ao labor desenvolto nas edicións previas, este obradoiro conta con tres prazos de inscrición, ao igual que acontece coa aula de música tradicional. En primeiro termo, este martes 24 e o mércores 25, ábrese á matrícula da comunidade universitaria, mentres que nas xornadas do xoves 26 e venres 27 poderán inscibirse as persoas que participaron nesta actividade o curso anterior. As prazas vacantes ofertaranse finalmente ao conxunto da cidadanía, que poderá matricularse o luns 30 e o martes 1. A actividade ten un custo de 26 euros para a comunidade universitaria, 32 para outros colectivos vinculados á UVigo e de 40 para o público en xeral e, tras o seu remate, abrirase un novo período de inscrición para o segundo cuadrimestre.

As clases desenvolveranse nas tardes dos xoves no Pavillón de Deportes Municipal e as e os participantes serán distribuídos en dous grupos, de iniciación e continuación. Xunto á aprendizaxe dos principais ritmos do baile tradicional, a actividade verase complementada por sesións nas que se proxectarán traballos de “recollidas realizadas polo territorio galego dende mediados da década dos oitenta ata a actualidade”, como recolle a convocatoria, co obxectivo de que o alumnado poida coñecer a orixe e evolución destes ritmos.