DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A festa prolongarase ata a noite co concerto do grupo “Trópico de Grelos”

Bailes, música en vivo e unha ampla variedade de xogos para festexar o patrón de Fisioterapia, San Aquiles

Os cartos recadados irán destinados para a viaxe fin de carreira

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 27/03/2008

A Escola Universitaria de Fisioterapia respira este xoves un ambiente festivo e de diversión e a razón é que os alumnos celebran o día do seu patrón, San Aquiles. A néboa e a choiva non puideron deslucir un día de festa no que centos de universitarios se uniron para participar en todas as actividades organizadas polos estudantes. “Estamos moi contentos coa participación, aínda que esperamos máis afluencia de cara á noite, co concerto”, comentou unha das rapazas organizadoras.
Os xogos clásicos como os dardos ou o twister sempre son ben recibidos, aínda que este ano os máis solicitados foron a Wii e a Nintendo. A cola era interminable para botar unha partida ao tenis, ao golf ou a os bolos, iso si, sen suar a camiseta xa que todos eles son videoxogos. Houbo tamén quen amosou as súas dotes artísticas no concurso de baile e por suposto non podía faltar a clásica xincana de obstáculos. Todas estas actividades estiveron acompañadas de unha ampla variedade de comida que se puido desgustar ao longo da mañá como chourizos, empanadas, tortillas e doces típicos.
A festa continúa pola tarde co concerto do grupo Trópico de Grelos na entrada da escola, unha banda baseada en ritmos afrobrasileiros que procura integrar diferentes tendencias da percusión contemporánea.

Obxectivo: Túnez e Tenerife

Cos cartos recadados na festa, os estudantes de último curso de Fisioterapia iranse o vindeiro mes de abril de viaxe fin de carreira a Túnez e a Tenerife. “A idea é conseguir diñeiro ao longo de todo o día coa venda de camisetas e comida, principalmente”, explicou unha das alumnas de terceiro curso que forma parte da organización. Ademais desta iniciativa, os futuros fisioterapeutas xa teñen realizado outras actividades para xuntar cartos para a excursión, como a venda dos pixamas e dos zocos profesionais aos compañeiros.

Un patrón provisional

Os alumnos da Escola Universitaria de Fisioterapia celebran cada ano nestas datas ao que xa consideran como o seu patrón, San Aquiles. Pero a realidade é que esta é unha decisión provisional dos propios estudantes, xa que este é o único centro da Universidade que non conta cunha festividade propia. Unha das rapazas organizadoras da festa comentou que “sempre o festexamos nesta época, este ano quizais é un pouco máis cedo que outros, pero sinxelamente buscamos unha data, previa á viaxe fin de curso, axeitada para todos, aínda que estaría ben contar cun día oficial”.