DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo profesor da Universidade de Vigo Manuel Martínez Piñeiro

Baiona acolle o cuarto workshop da Rede Española de Simulación Molecular

Reúne investigadores nacionais para analizar os últimos avances nesta materia

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 24/05/2018

Como cada primavera, dende hai catro anos, a Rede Española de Simulación Molecular organiza en Baiona un workshop que reúne unha trintena de investigadores e investigadoras deste eido. A xuntanza forma parte do programa de actividades dunha das denominadas Rede de Excelencia, financiada pola Dirección General de Investigación Científica y Técnica do MINECO e coordinada polo profesor Felipe J. Blas, da Universidade de Huelva. 

Esta é a cuarta edición do simposio que dende o seu nacemento sempre se celebrou en Baiona organizada polo profesor do Departamento Física Aplicada Manuel Martínez Piñeiro, que explica que na rede están implicados investigadores das universidades Complutense de Madrid, Sevilla, Pablo de Olavide, Cantabria, Barcelona, Vigo, e Rovira-Virgili, o Instituto de Química-Física Rocasolano do CSIC, “e colaboran investigadores estranxeiros de centros de gran prestixio coma o Imperial College de Londres, a Universidade de Manchester, UAM de México, a Universidade de Concepción de Chile ou a Universidade de Pau, en Francia". 

Segundo Martínez Piñeiro, o obxectivo desta rede é “afondar no progreso dos métodos de simulación molecular máis avanzados, desenvolvendo a aplicación das máis recentes metodoloxías en ámbitos aplicados coma a ciencia de materiais, xeración de enerxías limpas, biofísica ou nanotecnoloxía". Trátase de coordinar o traballo e desenvolvemento metodolóxico entre viarios grupos de investigación que empregan técnicas de simulación con aplicacións en diferentes campos, por exemplo, o estudo de propiedades dinámicas e estáticas en materiais complexos como suspensións coloidais, sistemas auto-ensamblables, materia activa e fluídos confinados; o estudo de fenómenos críticos e transicións de fase en sistemas complexos e o desenvolvemento metodolóxico, con especial énfase nas técnicas de Monte Carlo.

O fito da posta en marcha dun Máster en Simulación Molecular

Dende que a rede, que comezou a traballar hai sete anos, foron moitos os resultados científicos obtidos froito desta “colaboración multidisciplinar consolidada entre físicos, químicos e enxeñeiros de distintos ámbitos”, remarca Martínez Piñeiro. Pero fóra deste campo tamén acadaron un fito que consideran de especial relevancia: a posta en marcha dun Máster en Simulación Molecular que comezará a impartirse o vindeiro curso académico na Universidade Internacional de Andalucía (UNIA). Trátase dun programa innovador e único en España que ofrece “formación nesta disciplina transversal e emerxente, cada día máis relevante, non só a participantes españois, senón a estudantes iberoamericanos, que participarán a través dunha plataforma de ensino presencial a distancia”, conclúe.