DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 24ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense rematou esta fin de semana

Un balance “moi positivo” de 17 días de actuacións

A aula do campus Maricastaña foi a encargada de pechar a programación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 13/05/2019

Despois de 17 intensos días de programación, a XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) baixou este sábado o pano coa entrega de galardóns e coa actuación da Aula Universitaria de Ourense Maricastaña. Aínda despedindo ás compañías internacionais que participaron nos últimos días, desde a organización do certame salientan os bos resultados desta edición, tanto en calidade como cantidade.

A Miteu estivo organizada por Sarabela Teatro, dirixida por Fernando Dacosta e contou coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Ourense, a Deputación Provincial de Ourense e a Xunta de Galicia. Nesta edición foron 28 espectáculos e 29 as representacións que se celebraron en diferentes escenarios da cidade de Ourense, entre elas o campus universitario, e que abrangueron teatro de rúa, circo, teatro de actor e actriz, danza e música. Entre os grupos participantes mesturáronse grupos profesionais e non profesionais e ademais dunha forte presenza de grupos galegos actuaron compañías de Portugal, México, Nicaragua, Costa Rica e Holanda e de comunidades autónomas como Madrid, Catalunya, Murcia, Castilla y León, Andalucía e Navarra.

Moitas vivencias

Salientando como desde a organización fan “un balance moi positivo desta edición”, Fernando Dacosta sinala que un ano máis “foron moitas as vivencias e as emocións” vividas durante as semanas de programación. O director da mostra destaca como as compañías participantes “marcharon encantadas” e como o público volveu a responder positivamente. “Houbo espectáculos con moita xente e outros con menos pero a media de espectadores foi boa, non hai queixa”, comenta Dacosta, lembrando como varios espectáculos foron de rúa, sen necesidade de sacar entrada, e outros tiveron un aforo moi limitado polas súas características.

No balance da mostra, o seu director pon o aceno na aposta da programación unha vez máis non só por divertir senón tamén por traer ao escenario e ao público temáticas sociais. “Foi moi interesante o núcleo temático que se desenvolveu sobre a migración, que tivo unha entidade propia nesta Miteu e que deu a coñecer realidades moi diversas”, apunta Fernando Dacosta. A este foco, engade, súmanselle pezas nas que a cuestión de xénero ou a diversidade foron protagonistas.

Por último, o responsable da Miteu e das aulas de teatro do campus de Ourense salienta o bo traballo realizado por estas aulas. Nesta edición, ademais da propia aula teatral da Universidade de Vigo, actuaron os tres niveis escénicos que se forman no campus de Ourense, que son as aulas Rosaura, Cordelia e Maricastaña, e a aula de teatro infantil, Geppetto. A mostra, comenta Fernando Dacosta, dá a este alumnado a oportunidade non só de saír ao escenario a amosar o traballo escénico realizado durante o curso senón tamén convivir con outros grupos teatrais e asistir aos seus espectáculos. “Ademais de exhibirse, a mostra supón un complemento de formación moi enriquecedor para o alumando das aulas”, apunta por último o director da Miteu.

Entrega de premios

Na noite do sábado tivo lugar noTeatro Principal a gala de peche coa entrega dos premios desta edición. O premio da organización da Miteu foi para a xornalista, escritora e académica Ana Romaní, recalcando dela o seu compromiso coa cultura galega e a liberdade de expresión, especialmente a través do programa Diario cultural. O Premio do Xurado foi para Teatr'ubi, de Covilhá, Portugal, e o do público para Teatro Espressivo, de Costa Rica. Por último, o Premio á Mellor Resolución Técnica Suso Díaz foi para Los Pinches Chamacos, de México. Trala entrega de premios, a Aula Universitaria de Ourense Maricastaña representou a súa obra Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, que propón unha viaxe polas vivencias de personaxes que habitan nos baixos fondos dunha cidade, entre rúas multiculturais, perigos, disparos, sospeitas, interrogatorios, desaparicións e amores que forman parte do cotiá.