DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia ofrecida este mércores no campus de Ourense

Baltasar Garzón destaca que “unha Lei de Memoria Democrática non debería ser campo de contenda política”

O ex xuíz subliñou a importancia dos “cordóns sanitarios” contra os fascismos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Democracia
  • Académica
DUVI Ourense 29/09/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense organizou este mércores unha conferencia centrada no novo marco xurídico de España sobre a memoria democrática que foi ofrecida por Baltasar Garzón. Na súa dilatada traxectoria como xurista, xuíz e maxistrado, Garzón ten destacado polo seu compromiso e traballo pola xustiza e a memoria democrática, estando o seu nome asociado a causas como as relativas aos crimes do franquismo, a apertura de fosas común, aos GAL e ETA, a Guantánamo, a ditadura militar en Arxentina ou a detención do ditador chileno Augusto Pinochet. Na súa intervención, acompañado por Xosé Manuel Cid, decano do centro organizador, e Dolores Delgado, ex fiscal xeral do Estado, destacou que “unha Lei de Memoria Democrática non debería ser campo de contenda política”.

Actuación proactiva do estado

A conferencia centrouse no proxecto de Lei de Memoria Democrática actualmente en tramitación (en outubro irá á súa aprobación no Senado) e que dá o protagonismo á reparación integral das vítimas da Guerra Civil e a ditadura, así como ás políticas de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición. “A Lei de Memoria Histórica de 2007 foi importante porque foi a primeira despois de décadas e décadas de esquecemento pero é verdade que daba a iniciativa ás vítimas e o estado apoiaba ás vítimas. Agora isto cambia substancialmente e é o estado o que de forma proactiva ten que actuar en defensa das vítimas, en defensa da verdade, da xustiza, da reparación e da garantía de non repetición”, explicou Baltasar Garzón a preguntas das xornalistas antes da celebración do acto.

Sen lugar a dúbidas, dixo, a futura nova lei podería ter ido máis alá pero, subliñou, “grazas á introdución dunha emenda dos grupos minoritarios que apoian ao goberno introduciuse o que é evidente a nivel internacional, que por exemplo a amnistía nunca pode ser interpretada como unha norma de impunidade, senón de protección de aqueles dereitos que se cuestionaron durante a ditadura”. No artigo 2 do proxecto de Lei de Memoria Democrática, sinalou o ex xuíz, esta cuestión “dise expresamente e é un gran avance”, ao igual que, apuntou, o son “a creación da figura do fiscal de sala e a actuación proactiva por parte da xustiza na investigación, como unha das fórmulas de reparación para as vítimas”. Na súa análise do proxecto de lei, o relator tamén destacou que no caso da xustiza restaurativa establece unha vía de interpretación pero, matizou, “ás veces aos tribunais non hai que deixar demasiada marxe para a interpretación porque en España soe ocorrer que esa interpretación soe ser moi conservadora e no caso dos crimes franquistas en contra das vítimas”. Porén, afirmou o xurista, a lei establece como debe ser interpretada e “agardamos que os xuíces e tribunais así o entendan”.  

A Lei de Memoria Democrática, comentou ademais Baltasar Garzón, recolle non só a propia reparación simbólica senón tamén a reparación, indemnización, recoñecemento de dereitos e reafirmación dos mesmos e establece unha obrigatoriedade que debería terse “previsto moito tempo antes, pero mellor tarde que nunca”. Porén, recalcou, “o importante é que unha Lei de Memoria Democrática non debería ser campo de contenda política porque significa a madurez do noso sistema democrático; porque ao final do camiño, do que se trata é da dignidade das vítimas e aí todos deberíamos estar de acordo”. Por este motivo, dixo Garzón, “ao que aspiro é que unha vez que se aprobe esta lei non veña outro grupo político que a derrogue como se ten dito, porque iso sería retroceder no tempo. A memoria, a verdade, a garantía de non repetición, de reparación, son dereitos fundamentais da vítima e non deberían ser campo de contenda política”.

Contra o fascismo

A preguntas das xornalistas tamén se referiu á situación política e concretamente ao auxe do fascismo. No seu último libro, Los disfraces del fascismo, Baltasar Garzón, aborda este tema que, dixo, “preocúpame moito”, facendo referencia a acontecementos como os resultados das eleccións en Italia. Ante este auxe, afirmou, “eu creo que é necesario que os demócratas e quenes temos en España o amargo recordo do fascismo sexamos capaces de evitar que se instaure de novo”. Neste senso, recalcou a importancia dos “cordóns sanitarios” contra o auxe do fascismo, afirmando que non só son posibles “senón absolutamente necesarios” e sinalando que no caso de España “habería que preguntarlle ao señor Feijóo que é o que vai a facer” a ese respecto.