Coa exposición ‘9 narrativas gráficas e unha animación desesperada’, inaugurada este venres
A banda deseñada reivindícase como arte na Sala Manuel Moldes
A mostra reúne os traballos de dez autores e autoras formados na Facultade de Belas Artes
As obras de dez antigos alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes, que a día de hoxe son profesionais da banda deseñada e da ilustración, reúnense na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que este venres acollía a inauguración da exposición 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada. Comisariada polo autor e editor de cómics Kiko da Silva, esta mostra permite achegarse ao traballo realizado no ámbito da banda deseñada por Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miguel Iglesias, así como polo propio comisario. A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de xuño e que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, presenta tamén unha animación e unha serie de bocexos que o tamén exalumno e gañador de catro premios Goya Alberto Vázquez realizou para o seu filme de animación Psiconautas.
“Que, por primeira vez, teñamos a sorte de traer banda deseñada á facultade creo que non é simplemente un feito momentáneo, creo que é un cambio”, salientou Da Silva neste acto, no que lembrou que ao cómic “custoulle moito ser recoñecido dentro do que é o ámbito artístico”. De aí que definise como un “acto de xustiza” a idea do novo coordinador da sala, Ignacio Pérez-Jofre, de dedicar unha exposición a creadores de banda deseñada formados na facultade. A través das obras dunha serie de artistas de diferentes xeracións, a exposición achega “unha pequena pincelada” do que representa na actualidade o panorama da banda deseñada en Galicia. Neste punto, Da Silva incidiu en como a ausencia dunha industria do cómic na comunidade e a formación en Belas Artes de boa parte dos seus profesionais contribúen a que na banda deseñada galega convivan “gran cantidade de estéticas e de procesos creativos”, reflectidos tamén nesta exposición.
Xunto ao comisario e o responsable da sala, este acto inaugural contou coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a concelleira de Cultura, Carmen Fouces; o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e o director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres. Na súa intervención, a vicerreitora puxo o foco na importancia que teñen para a Universidade actos como esta mostra, que supoñen un “recoñecemento aos nosos alumni”, que poden servir “como referente para as novas xeracións”, á vez que destacou o papel que xoga a facultade á hora de achegar innovación e creatividade ao campus.
Nova etapa na sala
Previamente, Buxán sinalou que a apertura desta exposición supón tamén “a inauguración dunha nova etapa” na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, con Pérez-Jofre, que recentemente asumía o vicedecanato de Cultura, como novo responsable. De feito, lembrou o decano, a facultade traballa actualmente na elaboración dun catálogo que faga balance das exposicións realizadas ao longo dos últimos tres anos, baixo a coordinación da profesora Chelo Matesanz. “O único que estou facendo é prolongar algo que xa se viña realizando desde moitos anos atrás”, sinalou nese senso Pérez-Jofre, que incidiu en que o seu obxectivo é tratar de continuar un traballo que permitiu situar a Sala Manuel Moldes como “un referente” da arte contemporánea en Galicia. Ese labor, engadiu o novo coordinador, implica o traballo con “tres liñas simultáneas”, representadas, lembrou, nesta exposición. Non en van, esta mostra responde á idea de dar visibilidade “ao traballo producido na facultade, tanto por docentes e investigadores, como por alumnos, egresados e egresadas”. Pero tamén, engadiu, permite “ter unha mirada no contexto cultural” tanto da cidade como de Galicia, á vez que responde ao propósito de levar a este espazo obras de artistas que “poden ser un estímulo para o noso proceso de investigación e creación”.