DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Arranca como club de lectura, aínda que coa expectativa de crear unha comunidade

Beatriz Suárez Briones, coordinadora do Grupo de Estudos Queer da UVigo: “Queer non trata do que se é, senón do que se fai” 

A investigadora tamén insire a iniciativa como un paso no terreo do activismo 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/11/2021

O que durante anos foi, en palabras da docente e investigadora da UVigo Beatriz Suárez Briones, “un círculo iniciático con funcionamento amateur”, que ela mesma organizaba co seu alumnado de doutoramento e co seu grupo de investigación, derivou este curso na posta en funcionamento do Grupo de Estudos Queer da Universidade de Vigo. A lectura de textos básicos de Freud, Monique Witting, Judith Butler, Dona Haraway ou Gayle Rubin para entender o humano relacionado co feito de que todas as persoas vivimos en corpos sexuados, e os efectos que isto ten nas nosas vidas individuais, centrara ata o de agora as actividades desenvolvidas ao abeiro do programa de doutoramento e do grupo Teorías feministas e Teoría queer, “pero co paso do tempo íase facendo evidente que era necesario abrir o círculo a outra xente allea ao traballo no doutoramento, que está cada vez máis interesada nesas temáticas”, explica Suárez Briones. Este feito, sumado a que no seo do movemento feminista se estea a dar, en opinión da investigadora, “un debate feroz sobre o suxeito do feminismo, con interpretacións atroces da teoría queer que demostran, sobre todo, unha obstinada insistencia na ignorancia e unha alianza co pensamento conservador máis preocupante”, impulsou a posta en marcha este curso do Grupo de Estudos Queer da UVigo, que tamén se veu alentado pola celebración hai unhas semanas do Evento In, promovido polo estudante de doutoramento Antonio Villanueva.

“Funcionaremos a modo de club de lectura, cada quen na súa casa e despois nos reuniremos para discutir cada texto. Este é o obxectivo fundamental. Aprender, pensar xuntxs, intercambiar ideas, multiplicar o noso potencial individual”, enumera a coordinadora do grupo, que tamén manifesta a súa expectativa de que “pasen outras cousas: crear unha comunidade queer dentro da comunidade UVigo; un espazo de coñecemento, visibilidade e coidado, un espazo seguro para todas as xentes queer e as súas aliadas”. Para arrancar a súa actividade, na primeira das súas reunións, celebrada nas últimas horas, a persoas que integran o Grupo de Estudos Queer acordaron comezar coa lectura do primeiros manifestos gais, lesbianos e trans da década de 1970.

Queer ou a impugnación radical de normas sobre xénero, sexualidade e identidade 

Dunha palabra que designaba ideas, individuos e comunidades de xentes “raras” e que se empregaba como un insulto moi degradante dirixido a persoas sexualmente “anormais”, a palabra queer mudou o seu significado cando esas mesmas persoas ás que menosprezaba comezaron a usala como unha autodesignación dende o orgullo, pasando así a referirse a todas as persoas con sexualidade non normativas (LGTBI: lesbianas, gais, trans, bisexuais, intersexuais…). “A apropiación política do termo prodúcese nos anos 90 do século pasado e no mesmo 1990, queer pasa a ter outro sentido. Unhas das grandes pensadoras feministas, Teresa de Laurentis, organiza na súa universidade, California Santa Cruz, un congreso que titula Teoría queer. O éxito (e o escándalo) do oxímoro foi fulgurante por engadir ao venerable e académico ‘teoría’ o insulto ‘queer”, detalla Beatriz Suárez Briones.

Se se trata de definir os obxectivos da teoría queer, a investigadora da UVigo, considera que se poden resumir en (transformando o substantivo en verbo) queerizar, é dicir volver estraña ou sospeitosa a heterosexualidade normativa, as súas instrucións e o tipo de subxectividades, de sociedade e de saberes que produce e reproduce. “Queer supón a impugnación radical de normas e ideas sobre o xénero, a sexualidade e a identidade. Implica unha actitude inconformista ou disidente no que respecta á sexualidade e o xénero”, apunta a coordinadora do Grupo de Estudos Queer da UVigo, que engade que ademais é anti-institucional e absolutamente crítica co impulso cara á normalización dos suxeitos, “contesta que se teña que ser ou volverse ‘normal’ para converterse en alguén lexítimo. Así que, en realidade non se trata do que a Teoría queer é, senón do que fai ou, mellor, desfai”.

Un paso no terreo do activismo

Incidindo nesta idea, Beatriz Suárez tamén sitúa a creación co Grupo de Estudos como un paso no terreo do activismo nun contexto de evidente involución respecto dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBIQ+. “Nós, xunto coa xente radicalizada, sempre fomos a primeira barricada conta a que bate a dereita radical. Están batendo en nós. Pero todo o mundo sabe que veñen a por todas, a polos dereitos das mulleres, a polos dereitos da clase traballadora, a polas nosas liberdades. É global”, denuncia a investigadora, que recoñece que quedar unha tarde ao mes para falar de teoría feminista e teoría queer “é unha humildísima resposta e, talvez, se acaso, un principio dunha cousa máis ampla”.

Nunha universidade como a de Vigo, que no seu día foi pioneira na creación dos Estudos de Xénero como un ámbito de formación especializada e que xa en 1995 organizou, da man do docente e investigador Xosé Manuel Buxán, o curso de verán Os estudos gais e lesbianos no estado español, o primeiro curso universitario de España sobre esta temática, Suárez Briones considera que o seguinte paso sería a creación dunha Área de Diversidade, que atenda a todas as persoas que forman parte da comunidade universitaria. “Deberiamos aproveitar ese impulso dinámico e innovador que nos caracteriza para distinguirnos unha vez máis e estar entre as universidades do mundo que crecen defendendo e protexendo a diversidade. Porque unha universidade de excelencia do século XXI ten que ser inclusiva e responder de forma proactiva á diversidade e concibir as diferenzas non como un problema senón como unha oportunidade e unha forma de riqueza persoal e social”, avanza Suárez Briones.