DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa proxección das 15 pezas seleccionadas na terceira edición de ‘Proyectar el cambio’

Belas Artes acolle unha mostra audiovisual itinerante sobre a “crise ecosocial”

Poderá verse este xoves 1 de outubro, a partir das 16.30 horas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 30/09/2026

Comisariado polos investigadores da Universitat Politécnica de Valencia Lorena Rodríguez e José Luis Albelda, Proyectar el cambio é un proxecto que, partindo do concepto das humanidades ecolóxicas, busca promover unha reflexión sobre os retos xurdidos da “crise ecosocial", segundo sinalan os seus promotores. Con ese propósito, articúlase unha mostra internacional de creación audiovisual, que na súa terceira edición reúne 15 pezas nas que diferentes artistas reflexionan sobre esta problemática desde diferentes enfoques e que, no marco da súa itinerancia, poderán verse na tarde deste xoves 1 de outubro na Facultade de Belas Artes.

Baixo o título de Proyectar el cambio: crisis, resiliencia y restauración, a terceira edición desta mostra reúne obras con “formatos e narrativas moi variados”, que abranguen desde pequenos vídeos de carácter documental, activista ou performático, ata ensaios audiovisuais, poemas visuais, curtas de animación ou pezas de vídeo experimental, sinalan os seus promotores. Tras a súa exhibición en México, Italia e Brasil, así como en diferentes universidades españolas, esta mostra itinerante achégase a este centro da UVigo, nunha sesión aberta ao público, que dará comezo ás 16.30 horas no espazo 16 da facultade. No marco das iniciativas da rede europea ARTinRARE, esta proxección contará coa intervención por videoconferencia de Lorena Rodríguez Mattalía, comisaria do proxecto, e das artistas e docentes Holga Méndez, da UVigo, e Belén Díez, da Universidad de Zaragoza, coordinadoras do proxecto Geografía Poética.

Obras de artistas de diferentes países

Esta iniciativa insírese á súa vez nas actividades da materia Arte, natureza e medio ambiente, do Grao en Belas Artes, o que leva a Méndez a pór de relevo que esta mostra permitirá ao alumnado “ampliar campos de acción e posibilitar o pensamento crítico”, a través dun conxunto de pezas que poñen o foco na “crise ecosistémica que vivimos”. Nese senso, o propósito desta mostra, segundo recolle o seu texto de presentación, é amosar “aquilo que a miúdo é intencionadamente tapado, minimizado ou manipulado, desde unha liberdade creativa fóra dos estándares das industrias culturais” e de facelo a través de obras que “sinalan que outra maneira de ver e de vivir é posible”. 

A terceira edición de Proyectar el cambio foi impulsada no marco do proxecto europeo Situated Creative Practices for the Pluriverse. Reúne 14 obras de artistas de España, México e Polonia xunto cun vídeo realizado polo equipo Val Lab, ao que pertencen os comisarios desta iniciativa, no que propoñen “unha reflexión sobre Valencia e o caos climático”, a partir da catástrofe da Dina de 2024.