DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A artista e profesora asociada faleceu o pasado venres

Belas Artes amosa o seu pesar polo pasamento de Berta Cáccamo

A Xunta de Facultade lembrou á pintora, Premio da Cultura Galega

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 15/05/2018

Considerada unha das figuras de referencia da pintura abstracta en Galicia, a artista e profesora asociada da Facultade de Belas Artes Berta Álvarez Cáccamo faleceu o pasado venres en Vigo aos 54 anos de idade. Unha figura que este martes foi recordada na Xunta de Facultade celebrada este mediodía neste centro do campus pontevedrés, que quixo expresar “a nosa desolación por unha noticia totalmente inesperada e o noso pesar pola morte dunha compañeira”, como apunta a decana, Silvia García. Recoñecida no ano 2017 co Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas, Cáccamo foi incinerada este luns en Vigo, despois de que numerosas institucións e representantes do mundo da cultura expresasen nos últimos días a súa consternación polo pasamento da artista e docente.

Licenciada en Belas Artes pola Universitat de Barcelona e doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Cáccamo formaba parte do equipo docente dunha facultade na que exercera durante máis de 15 anos como profesora asociada do Departamento de Pintura. Ligada ao grupo Atlántica, protagonizou ao longo da súa traxectoria artística máis dunha vintena de exposicións individuais en espazos museísticos e galerías de toda España, ao que se sumou á presenza da súa obra en innumerables mostras colectivas e como parte das coleccións de entidades como o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa de A Coruña, a Academia Española de Bellas Artes de Roma ou o Centro Galego de Arte Contemporánea, que en 2016 lle dedicaba a exposición individual Expansión ensaio, que afondaba na súa evolución pictórica. Foi así mesmo unha profesora da que destacaba “a relación do seu labor pedagóxico e docente co seu propio proxecto artístico”, como lembra García, que lembrou tamén a súa implicación co colectivo artístico.