DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da iniciativa ‘#eucreonacasa’ trata de difundir os seus traballos nas redes sociais

Belas Artes busca proxectar a creatividade do alumnado no confinamento

Aberta tanto a proxectos académicos como persoais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Saúde
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/04/2020

Dar visibilidade ás creacións as que o alumnado de Belas Artes dá forma nos seus fogares nestas semanas de confinamento. Ese é o obxectivo de #eucreonacasa, a iniciativa que a facultade lanzou nas últimas semanas a través das redes sociais, na que convida ao estudantado a que achegue imaxes dos proxectos que están a desenvolver, tanto académicos como persoais. “É un xeito de facer da facultade un lugar creativamente máis presente na rede”, salienta o decano, Xosé Manuel Buxán, da iniciativa impulsada pola coordinadora das redes sociais e da web do centro, Sara Donoso.

“Xa que temos que quedar na casa, pensamos que podería ser un bo momento para lanzar unha especie de convocatoria e pedir ao alumnado que nos envíase imaxes do que está facendo, de en que están traballando desde as súas casas, cando menos para poder compartir outras cousas que non sexan sempre sobre o mesmo tema”, apunta Donoso dunha iniciativa que, recoñece, non está a obter nos seus primeiros días unha elevada resposta por parte do alumnado. A proposta, engade, céntrase en dar a coñecer obras que o alumnado pode estar levando a cabo e que poidan estar vencelladas aos proxectos que se desenvolven para os seus traballos de fin de grao ou para as diferentes materias da titulación, pero tamén creacións xurdidas das súas iniciativas persoais. “Por exemplo, unha alumna compartiu unha serie de ilustracións que fixo precisamente para evadirse”, apunta Donoso dunha actividade que propón difundir estas creacións coa etiqueta ·#eucreonacasa desde as contas de Belas Artes en Instagram e Facebook, “xa que as redes da facultade teñen outro tipo de seguidores que aqueles aos que pode chegar ao alumnado, polo que vémolo tamén como unha oportunidade de dar visibilidade aos seus traballos”. 

Ir máis aló do confinamento

Recoñece Donoso que a idea de facer uso das redes sociais do centro para difundir as creacións do alumnado naceu antes de que se decretase o estado de alarma, coa idea “de subir fotos nas que se vise que se está a facer nas aulas e como se move a facultade por dentro”. Mais finalmente, a crise da COVID-19 levou a que se optase por convidar ao alumnado a amosar que está a facer nas súas casas, aínda que, engade, de acadarse unha maior participación “a idea sería continuar, porque cando acabe o confinamento seguiranse facendo cousas na casa en todo caso, e logo cando xa se volva ás aulas, podería continuar con outra etiqueta”.