DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha convocatoria para expor as súas obras nas vitrinas situadas no acceso ao centro

Belas Artes busca situar a creatividade do alumnado na porta de entrada 

Promovida pola Sala X, completarase coa edición dun catálogo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/03/2021

Converter as vitrinas situadas no acceso á Facultade de Belas Artes nun escaparate da creatividade do alumnado da Universidade de Vigo é o obxectivo da convocatoria impulsada desde a Sala X para levar a cabo unha exposición de traballos do estudantado nestes espazos, complementada á súa vez pola edición dun catálogo. Baixo o nome de Que tes no teu casilleiro?, esta iniciativa impulsada polas bolseiras do espazo expositivo do campus, Cora Novoa e Andrea León, mantén aberto ata o 8 de abril o prazo de presentación de propostas e segundo recollen as súas bases trátase dunha exposición aberta a obras de calquera disciplina e ao conxunto do alumnado da Universidade.

As dimensións das nove vitrinas situadas no acceso ao centro e dos dous atrís que completarán a exposición constitúen nese senso a única limitación á que deben cinguirse os proxectos. “Sempre que a obra entre na vitrina e se adapte ao contexto, calquera disciplina é válida, xa que ó interesante sería tamén poder ver variedade de propostas e temáticas”, salientan Novoa e León dunha convocatoria aberta a todo o alumnado da Universidade. “É unha forma de conectar a alumnos de distintos graos e que estes tamén coñezan o que se fai na facultade”, engaden dunha proposta que, á súa vez, busca tamén brindar ao alumnado de Belas Artes “un primeiro achegamento ao mundo das exposicións”.

A exposición que prevén poida exhibirse no acceso á facultade ata o remate do cuadrimestre verase complementada coa edición dun catálogo, unha publicación a dúas tintas que se levará a cabo no taller de risografía da facultade.