DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición ‘De mestras e mestrados’ reúne as obras de docentes e egresadas e egresados

Belas Artes celebra o seu 30 aniversario cun diálogo artístico entre profesoras e antigo alumnado

Poderá visitarse no Museo de Pontevedra ata o 24 de xaneiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/10/2020

Na historia da arte, “sempre se fala dos mestres artistas e dos seus discípulos”, pero non tanto das mestras, como sinala o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, comisario da exposición De mestras e mestrados, que busca precisamente reivindicar ás artistas e profesoras das facultade. A mostra presentada este xoves no Museo de Pontevedra reúne con ese obxectivo ás creacións de oito docentes da facultade, nun diálogo coas pezas de oito egresadas e egresados da facultade, seleccionados por cada artista. A exposición, que poderá visitarse ata o 24 de xaneiro no claustro do edificio Sarmiento, constitúe así mesmo o primeiro acto co que a Facultade de Belas Artes celebra o seu 30 aniversario. 

“Quería construír un relato a partir das nosas profesoras artistas, que teñen carreiras consolidadas e que teñen exposto en centros de referencia nacional e internacional”, salientou Buxán, na presentación desta exposición, que se verá complementada pola edición dun catálogo. Loreto Blanco e Abi Castillo, Mar Caldas e Milo Arias, Marisa Fernández e Cristian Benítez, Almudena Fernández Fariña e Isabel Flores, Yolanda Herranz e Celeste Garrido, Anne Heyvaert e Yatir Fernández, Chelo Matesanz e Xoana/Pascual Pousa e Mónica Ortuzar e Amaya González son as e os artistas protagonistas deste diálogo entre as docentes e as e os artistas que formaron. 

Diálogo interxeracional

O acto de apertura contou tamén coa intervención do vicerreitor do campus, Jorge Soto, que puxo en valor a importancia de “reivindicar a cultura e a creatividade como algo necesario para saír desta pandemia”, así como no papel que neste eido xoga en Pontevedra Belas Artes, “unha facultade absolutamente enredada no quefacer diario da cidade”. Vicerreitor e decano subliñaron tamén a importancia que para a institución académica ten a colaboración co Museo de Pontevedra, como tamén fixo o seu director, que salientou o “interesante diálogo interxeracional” que esta mostra articula entre as obras das docentes e as das alumnas e alumnos que “escolleron pola súa sintonía ou afinidade creativa”.

Nesa colaboración inseríase de feito a exposición que, cada curso, reunía no museo os proxectos de fin de estudos dos egresados e egresadas no antigo máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación. De feito, o punto de partida da mostra, explicou Buxán, era reunir artistas que impartiron docencia neste mestrado con artistas que formaron parte das súas diferentes promocións. “Cumpría que mirásemos tamén para as profesoras e non só para o alumnado”, salientou Buxán, que puxo o foco en como “as docentes acompañan e resignifican a obra dos seu propios estudantes”.

Obras resultado dun diálogo continúo

“No noso caso, as obras son resultado dun proceso de diálogo constante”, salienta a profesora Almudena Fernández Fariña, que traballou conxuntamente coa alumna de doutoramento Isabel Flores na creación de dúas obras “que concibimos case simultaneamente”. As pezas de profesora e alumna comparten de feito tanto materiais como procedemento, a serigrafía, e, aínda que teñen “un punto de partida diferente”, xorden tamén do interese de ambas “polos patróns ornamentais” e polas "composicións baseadas en simetrías, rotacións, repeticións e translacións dun determinado motivo”. No caso de Fernández Fariña, explica, as súas creacións parten “dunha conexión cos espazos nos que fago intervencións”, neste caso “unha ménsula que se atopa un pouco escondida no claustro, que perdeu a súa función arquitectónica pero que funciona como un elemento ornamental”. A idea da ornamentación é ademais o punto de partida da proposta de Flores, que cunha “escritura que recorda moito ao arabesco” constrúe os seus patróns a partires do uso da frase “no es delito”, coa que alude “a toda esa crítica que existe en torno á ornamentación e a calidade decorativa dunha obra”.

Diálogos que miran cara os inicios da facultade

A catedrática Yolanda Herranz seleccionou para esta exposición á egresada Celeste Garrido, integrante do grupo de investigación ES2, que codirixe. “Cheguei á facultade en 1991, cando comezaba o segundo curso e ao ano seguinte tiven a Celeste de estudante”, lembraba Herranz dunha artista coa que “seguín colaborando durante todos estes anos”. Ambas, sinala, comparten na súa produción artística “unha liña de investigación que ten que ver co xénero e coa relación sempre complicada e conflitiva entre o eu e o ti”. Cuestións que, nesta exposición, Herranz aborda nunha serie de pezas que teñen como eixo o que é o "centro material" da súa produción artística, o uso da palabra "cunha clave sonora e poética e cun posicionamento crítico”. Palabras neste caso plasmadas sobre tecidos, o que á súa vez pon en relación as creacións de Herranz coa escultura, feita con sal, dun vestido que Garrido achega a esta mostra. 

“Ser seleccionada par esta exposición, cando Belas Artes está celebrando o seu 30 aniversario, é algo que valoro moito, porque eu formeime totalmente na facultade”, salienta Garrido, que este mediodía era ademais a encargada de dar lectura, a través da rede, a tradución ao galego do manifesto en favor dun portal de igualdade nos museos e centros de arte. Impulsado pola artista e docente velenciana Mau Monleón, no marco da campaña de arte participativa #PortalDeIgualdad, Garrido e a tamén participante nesta exposición Mar Caldas, encargáronse de impulsar en Galicia un texto que presenta un programa de accións para dar visibilidade ás obras e achegas das mulleres artistas, asinado a día de hoxe por máis de 500 persoas.