DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha intervención na pasarela que conecta o centro e a súa ampliación

Belas Artes continuará mudando a imaxe da EE de Telecomunicación

A proposta a realizar será seleccionada nun concurso dirixido a estudantes de doutoramento

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 25/11/2019

Desde o pasado ano, o vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación está presidido por unha intervención artística, Luz fractal, de Laura Antelo, xurdida do concurso que esta escola impulsou xunto coa Facultade de Belas Artes. O positivo desta primeira experiencia motivou que, neste 2019, o centro do campus vigués decidise impulsar un segundo concurso, dirixido neste caso ao alumnado do programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, co propósito de levar a cabo unha intervención artística na pasarela que conecta o edificio antigo e a súa ampliación. Trátase, como lembra o director da EE de Telecomunicación, Iñigo Cuíñas, dun lugar “polo que diariamente pasan case todos os estudantes da escola e un bo número de profesores e profesoras” e no que, engade, “merece o esforzo de facer algo diferente”.

Ata este venres 29 permanece aberto o prazo de presentación de traballos deste concurso promovido pola EE de Telecomunicación, en colaboración co programa de doutoramento da Facultade de Belas Artes, cuxo alumnado poderá presentar, de maneira individual ou en equipo, un proxecto de intervención artística “para os vestíbulos e a pasarela do edificio de ampliación de Teleco-Minas”, segundo recollen as bases do certame. O proxecto seleccionado será executado ao longo do segundo cuadrimestre e a EE de Telecomunicación outorgará á persoa ou persoas gañadoras un premio económico de 1500 euros, ademais de correr cos gastos de execución do proxecto, do que o xurado valorará tanto a súa calidade artística, como a súa viabilidade económica e técnica, xunto coa adecuación da proposta ao espazo. Ademais do proxecto de intervención, as e os participantes deberán presentar tamén unha proposta para a realización, a partires do seu proxecto, dunha serie de estampas numeradas, que a EE de Telecomunicación empregará como agasallo institucional. 

Xerando un diálogo entre dous ámbitos

“Ás veces hai que explorar camiños que parece que non van a ningún lado”, sostén Cuíñas, respecto dunha colaboración que implica pór en contacto “a nosa comunidade con outra parte da Universidade que parecía que nos quedaba lonxe”, algo que, como sinala, está “cada vez máis presente no desenvolvemento da enxeñaría como motor de innovación”. Nese senso, o director da EE de Telecomunicación pon de relevo o positivo da primeira edición desta iniciativa, na que o traballo de Laura Antelo “mudou un espazo frío nun ámbito con máis personalidade”. Para continuar con esta iniciativa, desde o centro do campus vigués decantáronse por unha pasarela e, “principalmente, polos espazos de acceso a esta, pouco aproveitados e sen unha función clara, ademais de un tanto abandonados no que a estética se refire”, sinala Cuíñas. O obxectivo, nese senso, é “por en valor” estes espazos de paso, pero tamén que a actuación que se acometa na pasarela contribúa a resolver “un problema ambiental”, que é que, dada a luminosidade da pasarela, os paxaros impactan contra as súas paredes de cristal. 

Para o alumnado de Belas Artes, esta iniciativa supón a posibilidade de “desenvolver un proxecto profesional, que vai perdurar no tempo e que terá moitísima visibilidade”, como sinala a profesora da facultade e integrante do xurado deste concurso Almudena Fernández Fariña, que incide tamén no positivo dunha iniciativa que amosa “que a arte ten capacidade de achegarse a calquera ámbito do coñecemento”. A diferencia da primeira edición, na que este concurso se inseriu nas actividades dunha materia impartida por esta docente, as características do espazo que centra esta intervención motivaron que desta volta se optase por dirixila “a un alumnado que teña máis experiencia á hora de abordar proxectos de máis complexidade”. Non en van, salienta Fernández Fariña, a intervención implicará “unha investigación sobre materiais”, tendo en conta tanto a necesidade de que a intervención perdure no tempo como a propia luminosidade da zona e “as exixencias que implica traballar cun espazo completamente transparente”.