DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado na tarde do venres no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia

Belas Artes despide 78 novos titulados e tituladas lembrando o valor do colectivo

Os discursos víronse complementados pola música e a performance

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 28/05/2018

Nun acto no que a entrega de bandas e diplomas se viu complementada pola música ou a performance, Belas Artes despediu o pasado venres a 78 novos titulados e tituladas no que foi o primeiro dos actos de graduación que celebran as titulacións do campus pontevedrés no presente curso. O auditorio do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia foi o escenario no que os novos graduados e graduadas, que tiveron como padriño ao profesor do Departamento de Debuxo Nono Bandera, recibiron os aplausos e felicitacións do seu profesorado e das súas familias nun acto que congregou a preto de 400 persoas.

Organizado polo alumnado, este acto de graduación sumou aos discursos do padriño, da decana, Silvia García, e do estudante Lois Búa en representación desta promoción, o paso de baile que protagonizou Sasha Zukle, así a performance realizada por Sangra&Loro, dúo composto por Búa e Sandra Varela, dous dos integrantes desta promoción, da que tamén forman parte os compoñentes de La Nona Hora, o grupo de música que pechou un acto no que tamén houbo espazo para o recordo e a homenaxe aos artistas e profesores da facultade Manuel Moldes e Berta Cáccamo, falecidos nos últimos meses. “Neste curso tivemos por primeira vez na historia da nosa facultade que enfrontarnos á morte de dous compañeiros”, lembrou Silvia García, quen no seu discurso quixo trasladar “o noso pesar e tamén o noso agradecemento pola dedicación á docencia que os dous combinaron cun proxecto vital dedicado ao exercicio da pintura”. A decana quixo así mesmo pór de relevo na súa intervención a importancia de abordar a aprendizaxe “como algo cotián, como algo "que ocorre no día a día da facultade”, para, a partires de aí, lembrar aos novos titulados e tituladas a importancia “da convivencia, de vivir en comunidade”. Por iso, quixo agradecer aos novos titulados e titulados a súa participación "na vida activa da facultade", ao tempo que lembrarlles na importancia “da colaboración e do traballo cooperativo” fronte a unha “sociedade que nos leva á competitividade individual”.