DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Responsables desta institución académica visitaron o centro e a Vicerreitoría do campus

Belas Artes explora vías de colaboración coa Royal University of Fine Arts de Camboxa

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Pontevedra 24/04/2019

Un total de 23 facultades e escolas de arte, artes aplicadas e música integran o consorcio Cartes, que coordina a ESAD Antonio Faílde de Ourense e do que forma parte a Facultade de Belas Artes. No marco desta iniciativa, dirixida a establecer un primeiro contacto entre centros de ensinanzas artísticas de diferentes partes de España con institucións de fóra da Unión Europea, o vicedecano de Relacións Internacionais da facultades, Carlos Tejo, participou o pasado mes de febreiro nunha estadía na Royal University of Fine Arts de Camboxa, dirixida a explorar posibles vías de colaboración con esta institución académica situada na capital do país, Phnom Penh. Con ese mesmo obxectivo, o reitor, Sophady Heng, e responsables desta universidade visitan este martes o campus pontevedrés, onde, tras unha recepción na sede da Vicerreitoría, mantiveron xuntanzas tanto na Facultade de Belas Artes como na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, integrante tamén do consorcio Cartes.

A vicerreitora Chandevy Men, o decano da Faculty of Plastic Arts, Chenda So, e o representante da oficina de relacións internacionais Socheat Nhean conformaban xunto ao reitor Sophady Heng o grupo de representantes da Royal University of Fine Arts que esta mañá foron recibidos na Casa das Campás polo vicereitor do campus, Jorge Soto, e os responsables das áreas de Cultura, Educación e Integración, Manuel Morquecho, e Infraestruturas, José María Cancela. Xunto a eles, a decana de Belas Artes, Silvia García, o vicedecano, Carlos Tejo, o coordinador do proxecto Cartes, Amador Ordoñez, a directora da Escola Superior de Conservación e Restauración, Carmen Lorenzo, e o coordinador do grao de Conservación e Restauración da Universidade de Sevilla, Fernando Poyatos, participaron nunha xuntanza na que os representantes da institución camboxana puideron coñecer as titulacións que se imparten no campus pontevedrés e o seu proxecto de especialización. O obxectivo da visita é “atopar proxectos nos que poidamos colaborar para mellorar a formación que ofrecemos aos nosos alumnos”, salientou Sophady Heng, quen presentou así mesmo unha universidade, a máis antiga de Camboxa, que conta con cinco facultades, nas que se imparten estudos de grao de artes, arqueoloxía, arquitectura, música e artes visuais.

“Trátase dunha universidade moi antiga, que ten moito prestixio no país, e que está levando a cabo proxecto moi interesantes”, engadiu Tejo, que participou xunto con Lorenzo e Poyatos na estadía levada a cabo no marco do proxecto Cartes. Nese senso, un dos obxectivos desta xuntanza era abordar posibles vías de colaboración “como por exemplo o intercambio de profesorado para estadías breves”, no marco dun consorcio que ten como obxectivo “establecer vínculos” con universidades doutras partes do mundo e que xa permitiu previamente á Facultade de Belas Artes establecer contactos con universidades da India e Xordania.